Detectadas unhas partículas moi enerxéticas preditas por investigadores do IGFAE hai 25 anos
Institucións e universidades americanas e europeas detectaron por primeira vez unhas partículas producidas en colisións nucleares cobre-ouro no acelerador Relativistic Heavy Ion Collider (RHIC) do Brookhaven National Laboratory (EEUU) con ata máis dun 50% da enerxía dispoñible nos nucleóns ‒protóns e neutróns‒ dos núcleos atómicos acelerados na colisión. Dese xeito, as partículas producidas son de novo aceleradas. Este descubrimento experimental confirma a predición teórica feita hai 25 anos no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, polos investigadores Néstor Armesto, Elena G. Ferreiro, Carlos Pajares, Mikhail Braun e Yuly Shabelski (estes dous últimos actualmente na Universidade de San Petersburgo). Os resultados enviáronse á revista Physical Review C e están pendentes de publicación.
“As implicacións deste achado -explica Elena G. Ferreiro- poden supoñer un cambio nos modelos actuais utilizados para explicar a composición e formación dos raios cósmicos, xa que estas partículas ultra enerxéticas, poderían formarse na atmosfera”. A investigadora tampouco descarta a posibilidade de que puideran descubrirse novas partículas. Cando hai moitas colisións entre os nucleóns dos núcleos atómicos prodúcense efectos entre os seus constituíntes – os quarks- que posibilitan a produción de partículas máis enerxéticas que a que teñen os nucleóns individuais. Por este motivo, este efecto foi denominado QCD accelerator ou acelerador da Cromodinámica Cuántica (QCD, polas súas siglas en inglés), a teoría que explica a interacción forte ou o comportamento entre os quarks e os gluóns.
Ata o de agora, as evidencias foron moi débiles e as incertezas demasiado altas como para validar o modelo teórico predito polos investigadores do IGFAE. Non obstante, con estas novas medicións, as primeiras en colisións de núcleos tan pesados o ouro e o cobre, confírmase a predición.