Ir o contido principal

Dez candidaturas optan ao XIX Premio Aresa, que se fallará en Lugo o próximo 10 de xaneiro de 2019

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo Grupo Aresa e a USC, recibiu un total de dez candidaturas na súa décimo novena edición, cuxo xurado se dará a coñecer o seu fallo o vindeiro 10 de xaneiro de 2019 no marco dun acto que se desenvolverá na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas a este galardón a prol do desenvolvemento rural, as candidaturas que concorren á última edición deste certame son Asoporcel, Galo Celta, Ateleir Bisqato, Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, Denominación de Orixe Protexida DOP Cebreiro, Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Miceltia, Sistema de deshidratación alimentado por enerxía solar para produtos agroalimentarios, Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC e o proxecto H2GZ Raising Water para e por Galicia.

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural constitúe un galardón dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativo que recoñece cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

O xurado do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural estará formado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo; José Manuel Silva Rodríguez, ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, e José Armando Tellado Nogueira, director xeral de Capsa Food. Os compoñentes deste xurado reuniranse o próximo 10 de xaneiro para avaliar as distintas candidaturas presentadas, a fin de dar a coñecer logo publicamente o nome da galardoada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2018.