Ir o contido principal

Dez empresas optan á construción da Escola de Enxeñería Civil do Campus de Lugo

Un total de 10 empresas de Galicia e Madrid optan á construción da Escola de Enxeñería Civil do Campus de Lugo, dentro do plan Campus 2015. Nunha mesa de contratación celebrada este mércores, déronse a coñecer as firmas interesadas na execución desta infraestrutura que conta cun investimento de 3.840.000 euros, financiados ao 50% pola USC e a Deputación luguesa. As propostas presentadas serán agora avaliadas polos técnicos provinciais, de tal xeito que en menos dunha semana convocarase unha nova mesa de contratación da que sairá a empresa ou grupos de empresas encargadas da execución das obras. No proceso de avaliación teranse como criterios de referencia o prezo, mellora das obras, plan de traballo e prazo de execución. O edificio, cuxo proxecto foi deseñado polo arquitecto lucense Marcos Parga, situarase na zona comprendida entre as avenidas de Madrid e Pablo Iglesias. A Deputación xa iniciou o proceso de expropiación para a adquisición dos terreos. A infraestrutura terá 4.500 metros cadrados de superficie construída e 4.000 de superficie útil. Boa parte dese espazo estará dedicado ás prácticas coa creación de diversos laboratorios, entre os que destaca o tanque de oleaxe. En conxunto a escola terá arredor de 100 alumnos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2011.