Un total de dezaoito escritores participan en Lugo no I Encontro de poesía galega
O alcalde de Lugo, José López Orozco, o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Elías Torres Feijó, o delegado provincial da Consellería de Cultura, Xoan Xosé Molina, a directora do Centro Territorial de RNE-Galicia, Celia Díaz Reija e o director do programa La Estación Azul, Ignacio Elguero, presentaron o I Encontro de poetas galegos que terá lugar en Lugo os vindeiros días 29 e 30 de novembro no Salón de Actos da Deputación Provincial.
Coincidindo co VII aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, 18 poetas galegos de prestixio e recoñecidos dentro e fóra das fronteiras galegas, levarán a cidade de Lugo por toda España a través das ondas. O Encontro, pioneiro en España, servirá de exemplo para outras comunidades con lingua propia e reunirá a expertos das letras galegas no que será o primeiro encontro literario destas características que ten lugar en Galicia.
Para levar a cabo este ambicioso proxecto, colaboran ademais do Concello, o Ministerio de Cultura a través da súa Dirección Xeral do Libro, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.
Serán dous días intensos que comezarán oficialmente o día 29 de novembro ás 12:00 horas coa inauguración do Encontro por parte de José López Orozco, e que contribuirán ao recoñecemento da cidade de Lugo e da súa muralla en toda España, coincidindo ademais co aniversario da súa declaración Patrimonio da Humanidade. Rematará o mesmo día 30, data central deste aniversario, coa presenza do Ministro de Cultura, César Antonio Molina. Este mesmo día estará en Lugo a cantante María Dolores Pradera que ofrecerá un concerto no Auditorio Gustavo Freire a partir das 21:00 horas.
O obxectivo destas xornadas é promocionar a poesía galega, fomentar a súa lectura e analizar a situación na que se atopa na actualidade en Galicia. O sector editorial estará representado polos editores Manuel Bragado de Edicións Xerais e Carlos Lema de Editorial Galaxia.
Cada unha das tres sesións nas que se divide o Encontro, e que durarán arredor de dúas horas, contarán coas interpretacións musicais dos cantautores Fran Pérez, Xabier Díaz e Luis Emilio Batallán. A primeira sesión, será o xoves día 29 ás 12:00 horas e contará coa participación dos poetas Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Suso Pensado, Luz Pozo Garza e Claudio Rodríguez Fer. Na segunda sesión, tamén o xoves, ás 19:00 horas intervirán os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Arcadio López-Casanova, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane. Finalmente o venres 30 ás 19.00 horas, participarán Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas. O ministro de Cultura, César Antonio Molina, que tamén participará na mesa de debate da terceira sesión, será o encargado de clausurar o evento.