Ir o contido principal

Último día para inscribirse na I Carreira Popular Campus Terra

Cartaz da I Carreira Popular Campus Terra
Cartaz da I Carreira Popular Campus Terra
A proba atlética de carácter internacional descorrerá o domingo 26 de novembro por un trazado urbano da capital luguesa de 7.400 metros de distancia

O Servizo de Deportes da USC pecha este xoves 23 de novembro ás 23.59 horas o prazo de inscrición na I Carreira Popular Campus Terra, tal e como se denomina a terceira proba do calendario universitario galaico-duriense, unha cita que se desenvolverá o vindeiro domingo 26 de novembro por un trazado de 7.400 metros que descorre polo parque do río Miño e contorna da sede universitaria luguesa.

A inscrición nesta proba custa 5 euros e só se pode formalizar a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo. Os dorsais entregaranse ata unha hora do comezo da proba na zona habilitada pola organización nas inmediacións do Estadio Gregorio Pérez Rivera ou o día anterior da competición, de 16.00 a 20.00 horas, no edificio da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC. O circuíto da I Carreira Popular Campus Terra da USC, que partirá ás 11.30 horas do 26 de novembro desde o estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera de Lugo, onde tamén estará fixada a meta, será sobre asfalto e terra e estará pechado ao acceso de vehículos, agás os autorizados pola organización. A competición desta carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está estruturada en cinco categorías: Sub-20 (nados en 1999 e 2000), sub-23 (nados entre 1996 e 1998), sénior (nados en 1995 e ata 34 anos), máster A (de 35 a 47 anos) e máster B (de 48 anos en adiante). Todas as persoas que formalicen a súa inscrición nesta proba atlética recibirán como agasallo unha camiseta técnica. A organización establece premios para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta. Haberá tamén trofeos para os tres primeiros corredores por categoría e sexo. A I Carreira Popular Campus Terra é unha proba na que participan equipos das tres universidades galegas, así como das institucións académicas lusas de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e Universidade de Miño. Mais esta atlética de carácter internacional está aberta á participación de deportistas federados e non federados. O trazado da proba presenta un nivel de dificultade medio. A dimensión solidaria desta convocatoria deportiva, organizada polo Servizo de Deportes da USC en colaboración con diversas empresas e entidades e encamiñada a fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria queda probada polo feito de que a Federación Galega contra o Narcotráfico percibirá como doazón un euro de cada inscrición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2017.