Ir o contido principal

Último día para inscribirse no obradoiro de elaboración de Traballos Fin de Grao e de Máster en galego

Último día para inscribirse no obradoiro de elaboración de Traballos Fin de Grao e de Máster en galego
Último día para inscribirse no obradoiro de elaboración de Traballos Fin de Grao e de Máster en galego

En novembro desenvolverase unha nova edición do obradoiros de elaboración de Traballos Fin de Grao (TFG) e Máster (TFM) en galego dirixido ao alumnado de calquera titulación matriculado nestas dúas materias. O prazo para inscribirse remata este venres ás 00.00 horas e deberá facerse a través da páxina do Servizo de Normalización Lingüística (SNL).

O curso combina exposicións teóricas e sesións prácticas que axudarán a mellorar a redacción destes traballos académicos así como a preparar a defensa oral ante o tribunal coa axuda de presentacións dixitais e coa supervisión personalizada por parte do profesorado do obradoiro.

Ao longo das 30 horas do curso –23 de carácter presencial– quen asista terá acceso a contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información como Refworks). Nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá novamente unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar dúbidas, erros e acertos dos traballos.

O obradoiro desenvólvese na Aula Informática 4 da Facultade de Xeografía e Historia os días 10 de novembro en horario de 16.00 a 19.00 horas, e 11, 12, 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro de 16.00 a 18.00 horas. A posta en común e avaliación realizarase os días 20 e 21 de xaneiro, igualmente, de 16.00 a 18.00 horas.

Ao aproveitamento dos contidos do curso, engádeselle o recoñecemento dun crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2015.