‘O último día na terra’ de Loureiras Producións acada o Premio do Xurado na novena edición do Findecurta
O grupo Loureiras Producións por ‘O último día na terra’ obtivo o Premio do Xurado na novena edición de Findecurta, certame cinematográfico promovido pola Área de Cultura da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da Universidade de Santiago de Compostela, Deputación Provincial e Concello de Lugo.
O xurado integrado por Ángela Morales e Víctor Dupla destacou do traballo premiado a “realización moi completa e complexa a nivel de imaxe, son e interpretación”. A acta tamén destaca “a orixinalidade da idea, complexidade da posta en escena e o talento interpretativo, utilizando a linguaxe do humor negro”. O galardón ten unha dotación económica de 400 euros e supón ademais a participación da curtametraxe na Semana de Cine de Lugo onde competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega. Pola súa parte, o Premio do Público recaeu en Desviadas pola curta ‘Propósitos’, peza que participará na Semana de Cine de Lugo onde tamén competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
Mencións especiais
O xurado outorgou tamén dúas mencións especiais. A primeira delas foi para Pikotres por ‘Menos tres’ ao tratarse do “máis cinematográfico dos traballos presentados, destacando a poética dos planos e a súa linguaxe próxima ao realismo máxico”. Pola súa parte, REFUXIO 22 por ‘O primeiro día na auga’ foi tamén distinguido coa outra mención especial no acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria, este venres 3. O ditame do xurado destacou este traballo “pola súa valente proposta creativa, pola súa notable calidade técnica e artística na execución, e por atreverse con valentía a poñer de relevo a temática da identidade de xénero cunha metáfora da morte como elemento transformador que dá paso a unha nova e esperanzadora vida”. Arredor de 300 persoas déronse cita na gala de entrega de galardóns do Findecurta do Campus de Lugo nesta última edición na que concorreron un total de 11 grupos.