Cinco días para cinco retos empresariais que resolverán con matemáticas
Para mostrar o que o futuro da investigación matemática pode ofrecer ao sector privado, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) ao que pertence a USC, en colaboración coa Rede Española Matemática-Industria (math-in), organiza a 139ª European Study Group with Industry (139 ESGI) na que reta a empresas de sectores punteiros como o petroquímico, forestal, enerxético e siderúrxico a que formulen problemas industriais que un equipo de científicos e tecnólogos resolverá en cinco días. O encontro arrinca o luns 9 na Facultade de matemáticas e durará ata o día 13.
Entre as empresas que participan este año figuran as coñecidas Repsol e ArcelorMittal e pemes de sectores emerxentes como EcoMT e Biomasa Forestal. “Todas reciben asesoramento matemático para resolver necesidades estratéxicas”, explica a directora de ITMATI, Peregrina Quintela. Se finalmente, tras a semana de traballo, se atopa unha solución, “agárdase que sexa a semente dunha futura colaboración entre os equipos de investigación e o mundo da empresa”, explica o investigador Andrés Prieto.
Os equipos de investigadores que se enfrontarán aos cinco retos estarán compostos principalmente por estudantes de formación superior relacionados coas matemáticas, baixo a coordinación dun investigador senior. Tras cinco días de traballo individualizado e a porta pechada entre empresas e científicos, cada unha das cinco corporacións recibirá un informe coas conclusións.
Evento internacional Os ESGI son eventos itinerantes que se celebran de cinco a sete veces ao ano en distintas cidades europeas –como Oporto, Varsovia, Sofía, Utrecht, Manchester e Dublín- cunha duración dunha semana. En España xa tiveron lugar en Sevilla, Barcelona e Santiago de Compostela, que agora o recibe por cuarta vez.
En todos os casos, para celebrarse necesitan da autorización do Oxford Centre for Industrial and Applied Mathematics, pertencente ao Instituto de Matemáticas da Universidade de Oxford (Reino Unido), onde tivo lugar o primeiro ESGI en 1968.