A didáctica da danza tradicional galega, tema dun curso de verán da USC en Ciencias da Educación
‘Bailas? Didáctica da danza tradicional galega’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 26 ao 28 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Estruturado en 20 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática a tratar, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido por Carol Gillanders.
Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC pasan por situar a danza tradicional galega no universo das diferentes modalidades de danza, ademais de afondar no coñecemento das súas funcións e finalidade. A identificación das variables que interveñen no proceso de ensino-aprendizaxe da danza galega relativas á organización de contidos, ademais da posta en valor da importancia das recollas e da nomenclatura, son outros dos cometidos deste foro.
Os responsables da organización deste curso estival da USC tamén sitúan como obxectivos do programa seleccionar, fundamentar e aplicar o soporte musical ás intervencións propostas e deseñar unidades didácticas ou programas que consideren diferentes públicos e actividades.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 16 de xuño.