Ir o contido principal

Diego Sande Veiga obtén o Premio Manuel Colmeiro a investigacións sobre a administración pública galega

Diego Sande é membro do grupo de investigación ICEDE
Diego Sande é membro do grupo de investigación ICEDE
O profesor do departamento de Economía Aplicada da USC acaba de ser recoñecido polo traballo titulado ‘As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico’
Santiago de Compostela

O traballo titulado ‘As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico’ de Diego Sande Veiga acaba de ser recoñecido co Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación que teñan como obxecto a administración pública da comunidade galega. Sande Veiga que é profesor do departamento de Economía Aplicada da USC resultou galardoado na vixésimosexta edición deste recoñecemento que outorga a Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e que está dotado con 3.500 euros.

A obra, que será obxecto de publicación, trata a problemática da eficiencia na planificación, deseño e implementación das políticas europeas de innovación rexional na Comunidade Autónoma, así como das dificultades na absorción de recursos europeos por parte do tecido produtivo.

Diego Sande é membro do grupo de investigación ICEDE (Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento) da Universidade de Santiago de Compostela, e tamén colabora co IGADI (Instituto Galego de Documentación Internacional). É membro do consello de redacción da revista Tempo Exterior e realizou tamén estadías en diversas universidades internacionais, ademáis de participar en numerosos congresos estatais e internacionais, publicar varios libros e artigos en revistas científicas e técnicas, alén de colaborar con diversos medios de comunicación. As súas principais liñas de investigación céntranse no estudo do impacto das políticas europeas na innovación rexional, na análise de políticas de innovación medioambiental e tecnolóxicas, nas políticas económicas internacionais e noutras políticas públicas.

Sande Veiga tamén é funcionario de carreira en excedencia, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e cursou formación de mestrado e posgrao en diversas áreas coma o desenvolvemento económico e a innovación, comercio e promoción exterior, prevención de riscos ou formación pedagóxica. No ano 2020, recibiu o premio a traballos de investigación e académicos sobre o emprego do Concello de Santiago de Compostela.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2024.