Ir o contido principal

Difundir a cultura emprendedora a través da propia experiencia

O Programa Uniemprende-Woman Emprende organiza este mes tres encontros con charlas de difusión de cultura emprendedora nas que se amosarán experiencias reais de persoas que saíron da USC con interesantes proxectos. Ademais, ao finalizar cada unha das charlas explicarase a XIII convocatoria do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras. O primeiro dos encontros, que inclúe dúas charlas, será este xoves 3 ás 11.00 horas na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación. Intervirá a licenciada en Xornalismo Verónica Iglesias Pérez, que en 2006 funda ‘Servicios de Ocio Educativo S.L.’ para o desenvolvemento de proxectos de educación, comunicación, RSC e conciliación cunha metodoloxía baseada na motivación e na diversión. A súa charla centrarase no modelo de franquía, nas vantaxes e inconvenientes desta fórmula de negocio e nos mecanismos de conciliación familiar de novos proxectos empresariais. Por outra banda intervirá Chus Barrada Beiras, licenciada en Ciencias Empresariais e directora da área de Ciencia e Innovación de Estratega Consulting Global, S.L, que explicará a súa experiencia na creación, consolidación e expansión internacional dunha microempresa así como na aplicación da perspectiva de xénero no negocio da consultaría. Resto do programa As charlas continuarán o xoves 10 en Lugo e Santiago. Na do campus lugués, ás 10:00 horas na facultade de ADE, intervirán a licenciada en Humanidades e fundadora de Geneaqua Mónica Otero, e a diplomada en Traballo Social pola USC e responsable da Área Social de Estratega Consulting Global S.L., Rosa Torrado Carreño. Rosa Torrado participará tamén na sesión do xoves 10 ás 12.30 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago acompañada de Pedro Arenas, licenciado en Bioloxía molecular e biotecnoloxía pola USC e chief executive officer (CEO) de ‘Ingenyus, Marketing Inteligente S.L.’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2013.