Ir o contido principal

As dimensións social, cultural, saudable e sostible das hortas, a debate no Curso de Primavera da USC en Humanidades

Alumnado do XVI Curso de Primavera da USC, na Facultade de Humanidades
Alumnado do XVI Curso de Primavera da USC, na Facultade de Humanidades
O chef de Culler de Pau, Javier Olleros, abre a quenda de relatorios do foro coordinado polas profesoras Ana Cabana e Elena Freire, cunha chamada a “construír desde a igualdade nun mundo no que a alimentación é ferramenta de cambio”
Lugo

As hortas, desde a óptica sostible, cultural e saudable, centra a temática do Curso de Primavera da USC que botou a a andar este luns na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC, o escenario no que un amplo abano de relatores farán as súas respectivas achegas ata o mércores no marco deste programa de divulgación científica promovido ao abeirod o convenio Lugo Cultural, unha iniciativa xestionada pola USC e que tamén recibe financiamento do Concello de Lugo e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

O chef do galardoado restaurante Culler de Pau, Javier Olleros, que é a cabeza visible deste establecemento pontevedrés distinguido con dúas Estrelas Michelín, 3 Soles Repsol e un Sol Sostible Repsol, abriu a quenda de relatorios coa sesión ‘Sostibilidade-actitude, acción e xustiza social’, logo dunha breve sesión inaugural presidida polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e na que tamén participaron a vicepresidenta da Deputación de Lugo delegada da área de Cultura, Tareixa Antía Ferreiro; o vicedecano da Facultade de Humanidades, Miguel González Pereira, e a profesora Ana Cabana, que coordina esta proposta xunto coa súa colega docente e investigadora no Campus Terra Elena Freire.

Os agradecementos ás persoas e entidades, especialmente ás integradas no convenio Lugo Cultural, centraron as verbas das organizadoras do XVI Curso de Primavera da USC, unha proposta xurdida a raíz dos grupos colaborativos impulsados desde o Campus Terra que dá cabida a docentes, investigadores e alumnos dos distintos centros da universidade luguesa, así como a outros colectivos, entre os que cómpre citar o IES Sanxillo ou a Fundación Secretariado Xitado, segundo lembrou Ana Cabana ante o preto do centenar de asistentes presentes no salón de actos da Facultade de Humanidades.

O concepto multifuncional da horta, como exemplo de cultura tradicional, saudable e sostible ou mesmo como elemento de socialización que, dalgún xeito, tamén axuda a combater o despoboamento do medio rural, foron outras das cuestiones salientadas na sesión inaugural dun foro transversal que recupera a súa presenza na programación do Campus de Lugo logo de tres anos sen celebrarse.

O chef de Culler de Pau abriu de seguido a quenda de relatorios cunha férrea defensa da educación como brúxula que guía o noso futuro. “Necesitamos un sistema educativo e pontente para que nos axude a atopar o noso camiño”, dixo Javier Olleros, para logo engadir que “o medio rural ten os seus códigos e valores e non podemos chegar os ‘modernitos’ coas nosas modas desde fóra”

“A alimentación é unha ferramenta de cambio no mundo potentista”, sinalou, para logo engadir que “Culler de Pau é tamén un elemento potente nunha terra na que ás veces escapamos do que somos”. “Falamos galego, pero somos modernitos”, exclamou. O chef de Culler de Pau, un establecemento de hostalería que botou a andar con catro personas e agora ocupa a 30 traballadores de nove nacionalidades diferentes, fixo tamén un chamamento a construír desde a igualdade de oportunidades.

“Todos formamos parte dun pequeno ecosistema. As hortiñas, os paisanos e paisanas que nos contan... Esto é a nosa forza e por eso temos que construír desde a igualdade de oportunidades e prestar atención a aqueles que naceron nun lugar con máis dificultades ou non tiveron sorte, porque aquí temos que estar todos”, concluíu.

Programa

A sesión ‘Pensar as hortas urbanas e as rurais: paisaxe e sostibilidade sociocultural”, na que participaron Araceli González Vázquez, científica titular da Institución Milà i Fontanals-CSIC, que ofreceu o relatorio ‘Hortas rurais e perirurbanas en Euskal Herria e Cantabria: Unha ollada etnográfica e antropolóxica sobre as ecosofías locais’, e Pedro Tomé, investigador científico do Instituto de Lengua, Literatura e Antropología do CSIC, quen ofreceu a charla  ‘Segue sendo sostible a sostibilidade?, completaron o programa matinal da primeira xornada do XVI Curso de Primavera da USC.

Xa pola tarde as profesoras da USC Miriam Elena Cortés e María Xesús Nogueira centraron a sesión ‘Cos pés na horta’, cos relatorios ‘Hortas e naturezas mortas. Visións dende a historia da arte’ e  ‘Escribir (n)a terra. As actividades agrarias na poesía galega’. Ana Cabana, que tamén é investigadora do proxecto Nomoholu da USC, deu continuidade ao programa cos exposición ‘Vellos e novos modelos de hortas urbas en Lugo’, trala que a enxeñeira técnica forestal Helga Peral guiou unha visita por varias hortas urbanas da capital amurallada. O coloquio ‘Encontro de Lúa Minguante’, cuxa temática versou sobre a nova lei de benestar animal, complementou o programa da primeira xornada do Curso de Primavera, que chegaría ao seu colofón cun café concerto a cargo de El chico López, na cafetería da Facultade de Veterinaria.

Martes

A actividade do Curso de Primavera da USC trasládase este martes ao IES Sanxillao, onde, se desenvolverá, a partir das 10.30 horas, a sesión ‘Da horta á mesa’, na que participará a  Asociación de Cociñeiros de Lugo e haberá un Showcooking e masterclass a cargo de Pablo Vila, xefe de cociña do restaurante do Hotel Oca Puerta del Camino e Diego López, chef restaurante Bulló.

Hortas e paisaxes agrarias ocupará a temática do curso na sesión programada xa na Facultade de Humanidades a partir das 16.30 horas, cando están previstos os relatorios ‘De Georgiká a la obra odoariana y a Ledo, ‘o cura das abellas’, a cargo de María Concepción Fernández, e ‘A reconstrución da paisaxe agraria da Galicia medieval’, a da man do profesor da USC Carlos Baliñas. Unha charla de Antonio Doval sobre despoboamento e abandono de terras e aldeas en Galicia, e outra de Encarna Lago, da Rede Museística de Lugo, baixo o título ‘Experiencias de sustentabilidade social, cultural e medioambiental en rede’, pecharán a xornada.

A profesora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Fernández Herrero abrirá o mércores, a partir das 10.00 horas, a sesión ‘De hortas, xénero, solos e consumos’ coa charla ‘Ecofeminismo como proxecto ético e político’, á que seguirá outra intervención do profesor de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Remigio Paradelo baixo o título ‘O solo nas hortas urbanas’.

A profesoras da USC Mar de Santiago, da área de Socioloxía, e Elena Freira, do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, pecharán o venres a quenda de intervencións cos relatorios ‘Permacultura: proxeccións, realidades e metáforas’ e ‘Nada como o da casa. Entender o consumo de alimentos de horta en Lugo’. Xa como actividade complementaria o concerto de Grande Amora, incluído na programación do ciclo Lubicán, e programado a partir das 21.00 horas na Praza de Santa María (auditorio de Veterinaira en caso de choiva) servirá de colofón deste programa cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2023.