Ir o contido principal

O Diploma Sénior do IV ciclo da USC celebrou este ano o seu acto de diplomatura e peche de curso en Ribeira

Persoas asistentes ao evento
Persoas asistentes ao evento
Están matriculadas neste título un total de 568 persoas entre as catro sedes do programa

O Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela é unha acción educativa regrada en conexión cos programas educativos doutros ciclos que se imparten na USC e ofrece dous títulos propios, o Diploma Sénior e o Diploma Excelsor.

O Sénior, que consta de cinco cursos, celebrou este ano por vez primeira o seu acto de diplomatura na capital do Barbanza, onde cursan os seus estudos 50 alumnas e alumnos, e ao que tamén estivo convidado o estudantado de Santiago (285 alumnos e alumnas, o de Lugo (194) e o de Vilagarcía (39). Foi este xoves no Auditorio de Ribeira nunha cerimonia na que participou a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, así como o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, o alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, e a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira.

O IV Ciclo

O IV Ciclo Universitario é unha oferta educativa da Universidade específica para estudantado maior de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, para dar resposta á crecente necesidade de formación que existe en Galicia entre persoas de idade avanzada. O programa comezou a impartirse no curso 1997-98 e desde aquela foi aumentando exponencialmente a súa matrícula ata chegar hoxe aos milleiros de estudantes. A día de hoxe, IV Ciclo conta con seis programas distintos: Diploma Senior, Diploma Excelsor, programa de seminarios, Destacando na Ciencia, Democratización do Coñecemento e IV Ciclo itinerante.

Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar cinco cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. En cada curso haberá que superar un mínimo de catro materias optativas, das consideradas materias permanentes no plano de estudos, e tamén poderán cursarse até tres créditos mediante actividades complementarias recoñecidas. As persoas diplomados Sénior en IV Ciclo poderán optar á obtención do Diploma Excelsor en IV Ciclo.

A secretaria xeral Dulce María García Mella presidiu o acto
A secretaria xeral Dulce María García Mella presidiu o acto
Asistentes ao acto
Asistentes ao acto
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2024.