Ir o contido principal

A directiva europea na avaliación e xestión de riscos de inundacións, a estudo nun curso avanzado da OTAN

As xornadas, organizadas polo profesor da USC Urbano Fra, comezarán o luns 3 na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia

A directiva europea sobre avaliación e xestión de riscos de inundacións é a cuestión coa que o representante da Confederación Hidrográfica do Norte Javier Lastra abrirá este luns, día 3, ás 17:30 horas o ‘Curso Avanzado sobre a Ordenación do Territorio como Estratexia de Mitigación e Adaptación aos Riscos Naturais’. O encontro, organizado pola OTAN, celebrarase ata o vindeiro sábado 8 na sede compostelá da Fundación Caixa Galicia, situada na Rúa do Vilar.

Antes do relatorio terá lugar a presentación oficial á que asistirán, ás 17:00, o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández; o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández; e o director do curso, o profesor da USC Urbano Fra.
Nove expertos de recoñecido prestixio internacional imparten estas sesións académicas destinadas a investigadores, xestores políticos e posgraduados procedentes de Alxeria, Armenia, Croacia, Exipto, Marrocos, Quirguizistan, Rusia, Taxiquistán, Tunisia e Xeorxia.
Obxectivos das xornadasOs obxectivos xerais das xornadas son a formación de especialistas na xestión dos riscos naturais, creación dun espazo de debate sobre a cuestión, produción dun texto de referencia, máis investigación no eido e fomento da adopción de estratexias de mitigación e adaptación aos riscos naturais por parte dos responsables políticos. Ademais, o curso busca incorporar a ordenación do territorio e a planificación urbanística como instrumentos clave na adopción de estratexias de mitigación.
O encontro púxose en marcha coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, a Confederación Hidrográfica do Norte do Ministerio de Medio Ambiente e o Instituto Internacional para a Xestión das Grandes Metrópoles do organismo internacional Unión de Cidades e Gobernos Locais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.02.2008.