O director de cine Andrés Goteira protagoniza un novo capítulo de ‘Conseguiremos’
O director de cine Andrés Goteira (Meira, 1983) protagoniza un novo capítulo da serie Conseguiremos, producida pola USC e a Real Academia Galega (RAG) no marco do proxecto ‘Novas voces para a lingua’. O cineasta, director da multipremiada Dhogs, comparte episodio coa boirense Sara Hermo (Oleiros, 1997), graduada en Cine e Medios Audiovisuais e promotora do festival de cine escolar Olloboi. A peza audiovisual foi rodada en Meira, a localidade natal de Andrés Goteira, que anima a nova creadora a levar adiante os seus proxectos en galego. A clave –conclúe– é “querer querernos moito máis”, o lema que lle dá título a este episodio.
“Non nos imaxinabamos ter que rodar noutro idioma, sería un pouco estraño”, salienta o director en referencia á súa ópera prima, un filme de suspense que convida a reflexionar sobre a violencia dende unha proposta narrativa experimental. Andrés Goteira apostou con naturalidade pola súa lingua materna para contar esta historia rodada en Galicia pero cunha mensaxe que non depende do lugar. “É un orgullo, é como se rodas Mad Max en galego”, compara con humor neste episodio que pode verse xa na canle de Youtube da Real Academia Galega.
O protagonizado por Andrés Goteira e Sara Hermo é o penúltimo capítulo de Conseguiremos, que concluirá cun derradeiro diálogo entre o catedrático da USC Ángel Carracedo e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga. A serie arrincou coa colaboración da futbolista Verónica Boquete, Conseguiremos un camiño por correr; e continuou cos episodios dos músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, Conseguiremos saber ollar un novo mundo; e as actrices de A Panadaría Teatro, Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, e o actor Daniel Celester, Conseguiremos reivindicar o desexo.
A serie é a resposta á proposta da Real Academia Galega que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora). Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC fixeron realidade a primeira edición de ‘Novas voces para a lingua’ co apoio de tres profesores do mesmo centro, Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, e da propia Academia.
“Co título xenérico Conseguiremos, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, o cinema...”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. “Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa, facémola entre todos. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo”, engade.
A profesora da USC Ana Isabel Rodríguez destaca a “motivación que constitúe para o alumnado construír un proxecto en colaboración coa RAG e que ten unha difusión real”. “O compromiso da Facultade de Ciencias da Comunicación para proxectar esas novas voces creativas arredor da lingua permanece vixente na Facultade de Ciencias da Comunicación”, afirma.