Ir o contido principal

O director de I+D+i avanza a próxima conversión da Aula de Produtos Lácteos nun centro tecnolóxico

Fixo esta declaración na clausura do programa europeo Interlab, liderado por este centro universitario lucense

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, anunciou na clausura oficial do programa Interlab a intención da Xunta e da USC de levar adiante e materializar proximamente o proxecto de converter a Aula de Produtos Lácteos nun centro tecnolóxico do sector lácteo, “para o que contamos co impulso da Unión Europea”, dixo. Este proxecto deu o seu primeiro paso hai un ano coa firma dun convenio entre as Consellarías de Innovación e Industria e Medio Rural e a USC.
A clausura do proxecto europeo Interlab realizouse no marco do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, que acolleu a xornada ‘A reoloxía e o análise de textura aplicadas aos produtos alimentarios’, organizada como fin de actividade. Pola súa banda, o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Carlos Herrero, indicou nesta clausura que a colaboración coa Xunta de Galicia intensificarase para seguir a traballar a prol do sector “para que se estenda ao tecido empresarial no noso ámbito”.
O proxecto Interlab, ‘Rede de laboratorios de apoio á industria agroalimentaria á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’, naceu co obxectivo de optimizar a relación das empresas do sector lácteo cunha rede de centros que realicen unha oferta integrada de servicios de apoio ao I+D+i e ao control de calidade.
Dentro do proxecto está integrado como xefe de fila a Aula de Produtos Lácteos de Lugo, ademais do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (Anfaco-Cecopesca) dentro da comunidade autónoma. Súmanse tamén outras tres institucións portuguesas.
Durante os dous anos de vixencia centraron os seus esforzos en constituír unha rede coherente de I+D+i para abranguer a problemática da innovación da Industria Alimentaria da Eurorrexión, analizar a oferta e a demanda de servizos de apoio ao control de calidade das empresas, elaborar unha metodoloxía de apoio ás pemes nos aspectos necesarios de innovación e políticas de calidade para incentivar o desenvolvemento tecnolóxico e económico da zona, valorizar as instalacións e tecnoloxías dos laboratorios participantes, establecer mecanismos de cooperación e deseñar unha campaña de difusión coa súa propia web.
Un total de 30 persoas, entre socios do proxecto, empresarios e estudantes da Escola Politécnica, participaron nesta xornada, na que se afondou sobre a importancia da textura dos alimentos como condicionante da produción e da aceptación do consumidor.
De feito, tratouse sobre as bases da texturometría e a reoloxía e as súas múltiples aplicacións na industria alimentaria nas fases de desenvolvemento dun novo produto, no estudo dos cambios do alimento no proceso produtivo e no control de calidade do produto acabado. Estes parámetros teñen tamén un gran valor á hora de deseñar equipos ou predecir se a planta de procesado se adaptará a un produto, axudando a determinar as posibles modificacións para a optimización do proceso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2007.