Ir o contido principal

O director Milen Vitanov recibiu o premio USC á Produción de Animación no marco do Festival Animacam

Milen Vitanov recibiu o premio de mans do vicerreitor Xosé Pereira, en presenza de Xosé Luís Martínez Carneiro. Foto: Servimav-USC
Milen Vitanov recibiu o premio de mans do vicerreitor Xosé Pereira, en presenza de Xosé Luís Martínez Carneiro. Foto: Servimav-USC

O director de animación Milen Vitanov recibiu este martes 4 o premio que o acredita como gañador do Premio USC á Produción de Animación no marco do Festival Animacam, primeiro certame internacional en liña de curtametraxes de animación. Este é un galardón que outorga a Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación sobre o criterio de alumnado da USC visto o material audiovisual que anualmente concorre á Animacam.

Na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, Milen Vitanov recibiu o galardón de mans do vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, e do director do Festival, Xosé Luís Martínez Carneiro. Tamén asistiron do profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Marcelo Martínez e o escultor Primitivo Lareu, autor da peza da que se lle fixo entrega ao premiado.

Gañador de destacados festivais internacionais e co fundador do recoñecido estudo de animación berlinés Talking Animals, Milen Vitanov (1978) naceu en Praga e creceu en Sofía onde deu os seus primeiros pasos no mundo da animación mentres estudaba na Academia de Artes. En 2000 trasládase a Alemaña onde se graduará en Animación pola Universidade de Cine e Televisión Konrad Wolf. En 2009 funda en Berlín o estudo Talking Animals Animation Studio, momento a partir do que comeza o desenvolvemento de diversos proxectos comerciais e curtametraxes, ademais de diversas propostas en animación 3D e 2D.

Obradoiro na USC
Con motivo da súa estadía en Santiago para recibir o premio USC á Produción de Animación, imparte unha master class sobre a produción de animación en Europa para alumnado da universidade compostelá. Neste contexto, o mesmo martes 4, de 17.00 a 19.00 horas na Sala de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación está prevista unha sesión de entrada libre e aberta ao público ata completar o aforo na que ademais de presentar a traxectoria persoal e profesional de Vitanov se proxectarán unha selección de obras animadas, tanto súas como da súa produtora.

De esquera a dereita, Xosé L. Martínz, Xosé Pereira e Milen Vitanov. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2017.