O director do Servizo de Publicacións da USC, galardoado co Manuel Reimóndez Portela

Catro artigos publicados no recentemente desaparecido diario Galicia Hoxe merecéronlle ao director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Blanco, o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa décimo sexta edición. O acto de entrega do galardón terá lugar o vindeiro 16 de setembro ás 19.00 horas no marco da XXV Feira do Moble de Galicia. Os membros do xurado -Juan Manuel Constela, Valentín García, Enrique Otero Fernández, Juan Andrés Fernández Castro e José Manuel Bouzas Blanco- valoraron do traballo premiado do autor estradense “a calidade literaria e o uso do léxico e sentido do humor” á vez que recoñeceron a súa capacidade para abordar temas de actualidade dende un coñecemento “profundo” da cultura popular. Juan Blanco Valdés, licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, dirixe hoxe o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da mesma universidade e no que leva traballando décadas. Autor de traballos publicados sobre a cuestión editorial, literatura e lexicografía, é articulista ademais en diversos medios escritos galegos e conta con libros de poesía e relato curto. No seu haber ten tamén publicacións sobre a vida e obra do xornalista Roberto Blanco Torres, de quen é sobriño neto.