A directora da Axencia Galega de Innovación visitou o CiMUS para coñecer os primeiros resultados da Plataforma Innopharma

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou este martes o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS) para coñecer in situ os primeiros resultados da participación da Plataforma Innopharma da USC no Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC nas súas siglas en inglés) EU-OPENSCREEN dedicado ao descubrimento temperán de fármacos. Os Consorcios Europeos de Infraestruturas de Investigación son estruturas de interese europeo que permitirán achegar os grupos de investigación de toda Europa a estas instalacións científicas internacionais de alto nivel. Ademais, xogan un papel fundamental na produción de ciencia excelente, pois atraen talento e actúan como catalizadores para o desenvolvemento de novos conceptos, teorías e tecnoloxías transferibles á industria e aos mercados.
En concreto, o consorcio ERIC EU-OPENSCREEN, integrado por socios de oito países, pon a disposición de institucións académicas e científicas, Pemes e organizacións industriais, compostos químicos e as tecnoloxías máis avanzadas que permitirán acelerar a aplicación do coñecemento para mellorar a calidade de vida da poboación. É unha iniciativa que permite liderar o descubrimento temperán de fármacos en todo o mundo, a través do acceso aberto transnacional ás máis avanzadas tecnoloxías, experiencia e recursos químicos e biolóxicos. Os primeiros retornos deste proxecto chegaron en forma de proxecto europeo, xa que a USC participa no proxecto EU-OPENSCREEN-DRIVE, formado por socios de EU-OPENSCREEN e que conta cun orzamento de cinco millóns de euros para o período 2019-2023.
A Axencia Galega de Innovación (Gain) achega o 50% do financiamento do custo de participación da USC neste consorcio europeo ata 2020, mentres que o outro 50% achégao a propia universidade compostelá. O apoio da Xunta de Galicia á plataforma de farmacoxenómica Innopharma remóntase á súa creación, xa que xurdiu a través dun proxecto de Compra Pública Innovadora cofinanciada polo Ministerio de Economía, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de achegar a investigación básica en novos mecanismos terapéuticos e a súa aplicación industrial e fomentar a internacionalización e liderado da USC neste ámbito.
Esta liña de traballo inscríbese na Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía, que apoia este sector polo seu potencial a nivel internacional e pola súa capacidade para dinamizar outros sectores tradicionais, xerando valor económico e social e, máis concretamente, no apoio ao ecosistema galego de descubrimento temperán de fármacos. Nesta mesma liña sitúanse outras iniciativas como a Incubadora de descubrimento temperán de fármacos, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa multinacional Janssen e a Fundación Kaertor; Bioincubatech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia de biotecnoloxía nos ámbitos da saúde e das tecnoloxías alimentarias a pemes, liderada pola USC en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, Uninova e Gain; ou o Hub de Innovación Dixital DATALIFE, liderado polo clúster BIOGA, que aglutina os principais axentes do ámbito biotecnolóxico, saúde e agroalimentario.