O discurso co que Otero Pedrayo pechou a súa etapa como profesor universitario volveu encher o Paraninfo da Universidade
O día 5 de marzo de 1958 Ramón Otero Pedrayo despedíase das aulas da Universidade cunha conferencia pronunciada no Paraninfo da Universidade e titulada ‘Unha visión xeral de Galicia’. Máis alá do seu propio tema, Otero Pedrayo impartiu esta súa última lección da súa etapa universitaria utilizando a lingua galega na Universidade por vez primeira despois da Guerra Civil. Cando se cumpren 57 anos daquel fito e no mesmo lugar, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Otero Pedrayo celebraron este martes 3 o acto de lembranza ‘A derradeira lección de Otero Pedrayo’. “57 anos despois sentímonos continuadores daquela afirmación, herdeiros daquel espírito valente e decidido”, aseverou o reitor Juan Viaño no peche desta sesión homenaxe, da que dixo “ quere salientar a memoria de Otero Pedrayo que é, en gran medida, a memoria da nosa institucións, da que nos sentimos orgullosos”. O reitor asociou o valor da lembranza coa misión da institución universitaria, “a universidade é coñecemento e memoria do que somos, enriquecida cara ás novas xeracións, que deberán saber continuala, do mesmo xeito que nós temos a obriga moral e intelectual de continuar a memoria dos que nos precederon”. Otero Pedrayo “é un dos grandes construtores do pensamento moderno da nosa cultura” engadiu o reitor sobre a etapa universitaria do homenaxeado de quen tamén destacou “gozaba do contacto coa mocidade universitaria ao tempo que a mocidade presumía de todo o que aprendía do mestre. ‘Foron os oitos anos máis ledos da miña vida’ dixo o profesor”. No Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, o reitor Juan Viaño presidiu a sesión na que tamén interviñeron o residente da RAG e asistente á derradeira lección de Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero; o presidente do Consello da Cultura Galega e coautor do ensaio ‘O autor de Solovio’, Ramón Villares; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixanes; e Patricia Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, coautores de Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976). Para acabar a sesión, no Paraninfo volveu volveron resoar as palabras de Otero Pedrayo coa reprodución dunha gravación sonora súa. Fotobiografía O acto lembranza incluíu a presentación da obra Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976) querecolle a totalidade da traxectoria do seu protagonista a través de máis de 400 documentos gráficos, en boa parte inéditos ou pouco coñecidos, ofrecendo unha contextualización á figura de quen está considerado como o patriarca das Letras Galegas. As imaxes e textos empregados son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Histórico Provincial de Burgos, o Museo do Pobo Galego e La Región, ademais de achegas particulares. Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia na fundación de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago dende 1950 ata 1958. Como escritor cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e o ensaio.