Ir o contido principal

Dispoñible en liña a versión ampliada do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega

Dispoñible en liña a versión ampliada do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega
Dispoñible en liña a versión ampliada do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega
Ademais das voces do dicionario da RAG, recolle 1.000 nomes propios de persoa, 1.500 apelidos ou os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia

O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou a versión mellorada e ampliada do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega, un recurso que presenta en liña o léxico galego contido no Dicionario da Real Academia Galega coa transcrición fonética e a locución da pronuncia correspondente a cada palabra. Esta versión mellorada, ademais das voces incorporadas recentemente ao dicionario da RAG, tamén recolle os 1.000 nomes propios de persoa máis frecuentes, 1.500 apelidos galegos, os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros. Ademais, a aplicación informática permite realizar buscar por formas fonéticas ou por cadeas de sons. Vese así incrementada dunha maneira importante a súa funcionalidade e a súa utilidade, tanto para fins docentes e para a aprendizaxe da lingua como para os medios de comunicación falados, entre outros usos. O Dicionario de pronuncia foi desenvolvido por un equipo do ILG dirixido polo profesor Xosé Luís Regueira e contou co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Radio Galega. A xornalista Belén Regueira foi a encargada de poñer voz aos nomes propios e ás novas entradas. Xunto a Regueira, presentaron o dicionario o reitor Juan Casares; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane. Recursos do ILG O Dicionario de pronuncia engádese ao importante conxunto de recursos que o Instituto da Lingua Galega ofrece a través da súa páxina web. Cun deseño e estrutura completamente renovados, o novo portal permite, entre outras funcionalidades, acceder de maneira áxil e directa ás publicacións dos investigadores do instituto así como ás ferramentas de consulta e explotación de datos lingüísticos (córpora, dicionarios electrónicos, etc.) elaboradas como resultado dos proxectos de investigación desenvolvidos polos seus equipos de traballo.

Como centro público de investigación, o Instituto da Lingua Galega cumpre deste xeito co seu compromiso de poñer ao dispor da comunidade investigadora e da sociedade galega en xeral, en acceso libre e sen restricións, todos os recursos e ferramentas que derivan da súa actividade investigadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2013.