Ir o contido principal

“O dito de que o pan engorda é un mito falso e agocha unha alimentación desequilibrada”, defende ADINU Galicia

Participantes no congreso multidisciplinar de nutrición celebrado na Facultade de Ciencias
Participantes no congreso multidisciplinar de nutrición celebrado na Facultade de Ciencias
As saídas profesionais dos dietistas nutricionistas alén da clínica, a importancia da alimentación saudable no rendemento e no benestar das persoas, temas a debate na Facultade de Ciencias no marco do V Congreso Mutidisciplinar en Nutrición
Lugo

“O dito de que o pan engorda é un mito falso que non responde á realidade, aínda que agocha unha alimentación desequilibrada, porque está sobradamente demostrado que ningún alimento engorda”, sinala Sara Rivas, vicepresidenta da Asociación de Dietistas Nutricionistas de Galicia (ADINU), o colectivo de estudantado universitario que cita este martes na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo preto de 40 persoas na quinta edición do seu congreso anual sobre nutrición.

ADINU Galicia centrou o relatorio de apertura deste congreso para rexeitar algunhas das mentiras ou falsas crenzas que rodean o mundo da nutrición e que propicia que moitas persoas acudan á consulta con expectativas o ideas erradas, tal e como pode ser a clasificación de alimentos entre bos e malos. “Todos os alimentos son bos, aínda que o seu aporte de nutrientes, vitamínico.... sea diferente”, explica a secretaria de ADINU Galicia, Victoria Soutillo, quen tamén rexeita a necesidade de inxesta de suplementos nutricionais, posto que estas propiedades xa están nos alimentos, aclara.

O V Congreso Multidisciplinar en Nutrición puxo tamén de manifesto a importancia dunha boa alimentación para os doentes oncolóxicos, sobre todo no caso daquelas persoas sometidas a tratamentos fortes que como a radioterapia ou quimioterapia que poden provocar unha baixada de defensas, relata Soutillo, ao tempo que apunta as axudas que pode prestar a figura do dietista nutricionista nos casos de problemas de deglución.

O foro sobre nutrición celebrado na Facultade de Ciencias da USC ofreceu ao estudantado a oportunidade de tomar parte nun obradoiro de bacthcooking impartido por Enma Enríquez e no marco do que puideron adquirir novas habilidades para elaborar alimentos e planificar a súa dieta durante varios días.

A incidencia da nutrición no rendemento deportivo e tamén na sensación de benestar persoal foron outras das cuestións abordadas no marco dun congreso estruturado en cinco relatorios e que rematou cunha exposición sobre as distintas saídas laborais e profesionais que poden atopar os graduados e graduadas en Nutrición Humana e Dietética. “Parece que todos os profesionais estamos chamados á desenvolver un cometido clínico, pero a realidade apunta que os dietistas nutricionistas tamén teñen oco no ámbito da industria, sobre todo naquelas áreas relacionada coa seguridade, hixiene e a calidade alimentaria”, sinala Soutillo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2022.