Ir o contido principal

DivulgaTerra 2019 presenta este xoves pescudas do Campus de Lugo ligadas coa ciencia e a tecnoloxía na Casa do Saber

Cartaz do segundo faladorio científico do ciclo DivulgaTerra 2019
Cartaz do segundo faladorio científico do ciclo DivulgaTerra 2019
O segundo faladoiro deste ciclo divulgativo comeza ás 19.00 horas, inclúe seis relatos curtos e acaba cunha charla sobre resistencia antimicrobiana a cargo de Azucena Mora
Lugo

O evento de divulgación científica DivulgaTerra, unha iniciativa orientada a dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, celebra este xoves 14 de novembro, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa de Saber de Lugo, un novo faladoiro de divulgación científica arredor de pescudas ligadas ao ámbito das ciencias e a tecnoloxía no que intervirán sete investigadores en formación e docentes da USC.

O relatorio ‘Da penicilina á resistencia antimicrobiana: estamos a tempo de gañar esta batalla?, a cargo da profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía na Facultade de Veterinaria da USC Azucena Mora Gutiérrez e do tamén investigador no Laboratorio de Referencia de Escherichia Coli (LREC) Isidro García Meniño, servirá de colofón desta segunda sesión do DivulgaTerra 2019. Na súa intervención, Mora Gutiérrez advertirá dos perigos existentes de que calquera persoa, que, polas razóns que fose, aplique unha dose insuficiente de antibiótico e converta así en resistentes aos microbios. Este risco xa se recolle na profecía lanzada por Alexander Fleming no seu discurso de 1945 ao recibir o Premio Nobel polo descubrimento da penicilina.

Con motivo da celebración o próximo luns 18 de novembro da Xornada do Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos, Azucena Mora abordará nesta charla as estratexias que se están a seguir para frear a diseminación das chamadas “superbacterias”, ademais de tratar outras actuacións que todos xuntos podemos facer fronte a esta ameaza.

A mocidade investigadora tamén será protagonista neste espazo de debate e divulgación científica en lingua galega. Así, o segundo dos tres faladoiros nos que se estrutura DivulgaTerra 2019 dará voz este xoves a Manuel Souto Herrero, María Portela Barral e a María Amparo Ferreira Golpe, investigadores novos todos eles que ofrecerán charlas con títulos suxestivos, como o son ‘Como lemos información con HD nas árbores?’, ‘Posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira na construción’ ou ‘Os SES: de cando os seres humanos nos decatamos de que formábamos parte da natureza’.

A quenda de intervencións breves desta segunda xornada do ciclo Divulgaterra 2019 Petiscos de divulgación inclúe asemade unha charla sobre o índice de tecnificación pecuaria no Estado brasileira cancro e animais, a cargo de Gabriel Caymmi Vilela Ferreira, outra exposición curta de Adrián Casanova Chiclana que leva por título ‘Influencia do software na obtención de conclusións xenómicas. Conducen todos os camiños a Roma?’, ademais dunha charla tamén breve de Pablo Sánchez Quinteiro sobre a consciencia animal.

As áreas do I+d+i relacionadas con Arte, Humanidades e Ciencias Sociais serán os eixes temáticos sobre os que traten as comunicacións científicas previstas o 21 de novembro no marco do faladoiro de clausura do DivulgaTerra Petiscos de Divulgación Científica 2019, un ciclo promovido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.