DivulgaTerra pon o foco na resistencia microbiana nun faladoiro sobre achegas científicas e tecnolóxicas con selo lugués
O DivulgaTerra 2019, un evento de divulgación científica orientado a dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, achegou á sociedade luguesa algunhas das pescudas ligadas ao ámbito das ciencias e a tecnoloxía nas que se está a traballar na sede universitaria luguesa, ao tempo que alertou dos riscos derivados da resistencia microbiana aos antibióticos e das chamadas ‘superbacterias’.
A mocidade investigadora foi protagonista neste espazo de debate e divulgación, no marco do Manuel Souto Herrero, María Portela Barral e a María Amparo Ferreira Golpe, ofreceron charlas con títulos suxestivos, como o son ‘Como lemos información con HD nas árbores?’, ‘Posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira na construción’ ou ‘Os SES: de cando os seres humanos nos decatamos de que formábamos parte da natureza’. O brasileiro Gabriel Caymmi Vilela Ferreira falou da tecnificación pecuaria en Brasil; Adrián Casanova Chiclana tratou a influencia do software na obtención de conclusións xenómicas e Pablo Sánchez Quinteiro espertou no público o interese pola consciencia animal.
O segundo faladoiro do DivulgaTerra 2019 rematou cunha intervención da profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía na Facultade de Veterinaria da USC Azucena Mora Gutiérrez e do tamén investigador no Laboratorio de Referencia de Escherichia Coli (LREC) Isidro García Meniño, que leva por título ‘Da penicilina á resistencia antimicrobiana: estamos a tempo de gañar esta batalla? Na súa exposición, Mora e García alertaron dos riscos de que os microbios se fagan resistentes aos antibióticos por mor dun mal emprego deste fármacos, ao tempo que sensibilizaron ao público sobre a necesidade de colaborar na tarefa de poñer freo ás chamadas 'superbacterias'.
As áreas do I+d+i relacionadas con Arte, Humanidades e Ciencias Sociais serán os eixes temáticos sobre os que traten as comunicacións científicas previstas o 21 de novembro no marco do faladoiro de clausura do DivulgaTerra Petiscos de Divulgación Científica 2019, un ciclo promovido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Público asistente á sesión do DivulgaTerra 2019 sobre ciencia e tecnoloxía