Ir o contido principal

Docentes de Economía e Empresa de ensino medio e superior estudan na USC como mellorar a calidade da docencia

A inauguración do encontro de docentes inaugurouna o reitor. Foto: Servimav
A inauguración do encontro de docentes inaugurouna o reitor. Foto: Servimav

Máis dun cento de docentes de Economía e Xestión de Empresas dos distintos niveis educativos reúnense este venres na Facultade Ciencias de Económicas e Empresariais da USC co obxecto de mellorar a formación do profesorado, a calidade da docencia e o fomento dos seus estudos en Galicia.

O encontro, enmarcado no programa de actividades que conmemora o 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia, inaugurouse nun acto no que participaron o reitor Juan Viaño; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; a decana do centro, María Emilia Vázquez; a presidenta da Asociación Olimpiada Española de Economía, Mari Luz Marco; e o coordinador programa A Ponte da USC, Luís Hervella Torrón.

No seu discurso o reitor tivo palabras de compromiso co profesorado que asiste ao encontro. “ O contexto no que desenvolvemos a nosa misión formadora ten mudado substancialmente non só na educación superior senón tamén no ensino medio, este último sometido a moitos máis cambios normativos e lexislativos dos razoablemente aconsellables”, dixo, e rematou cunha reflexión: “ Quizais sería bo que nos pararamos a pensar en que supoñen estes cambios para os nenos e nenas que estamos educando e formando”.

Pola súa banda, Emilia Vázquez apuntou a súa arela de que este evento sexa “unha xornada conxunta na que tratar aspectos de interese para ambos os dous colectivos e na que poidamos compartir coñecementos e experiencias co obxecto de mellorar a formación do profesorado, a calidade da docencia e o fomento dos estudos de Economía e Empresa en Galicia”.

Entre as cuestións a tratar na xornada figuran en lugar destacado os cambios derivados da LOMCE e os procesos de avaliación nas probas de acceso á Universidade; as novas formas de organización empresarial e as profesións dentro da economía dixital ou a importancia da educación financeira en todos os niveis educativos.

Olimpíada Española de Economía No transcurso deste encontro, asinouse ademais o acordo para que a fase estatal da décima edición da Olimpíada Española de Economía se desenvolva na facultade compostelá entre os días 25 e 27 de xuño.

No certame, que conta co recoñecemento oficial por parte do Ministerio de Educación Cultura e Deportes, participa o alumnado de bacharelato seleccionado nas fases que a nivel local se realizan en máis de 40 facultades de toda España. A galega será en abril, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo en Ourense.

Foto de grupo de representantes dos docentes que participarán na Olimpíada Española de Economía. Foto: Servimav Máis dun cento de docentes asistiron ao encontro. Foto: Servimav O reitor saúda a Mari Luz Marco en presenza da decana Emilia Vázquez. Foto: Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2018.