Ir o contido principal

Docentes de ensino secundario e investigadores compartirán experiencias sobre os invertebrados das rías galegas na Estación de Bioloxía Mariña da Graña

Será no transcurso das xornadas 'A biodiversidade das rías: un diminuto mundo vivo baixo os teus pes' que se celebra ao longo desta fin de semana

Ao longo desta fin de semana na Estación de Bioloxía Mariña da Graña en Ferrol docentes de ensino secundaria de toda Galicia convivirán cos investigadores deste centro da USC para coñecer de preto os invertebrados das rías galegas. Co título ‘A biodiversidade das rías: un diminuto mundo vivo baixo os teus pes’, estas xornadas pretenden resaltar a importancia dos invertebrados mariños polo seu importante valor ecolóxico e por representar un patrimonio natural de incalculable valor.
Incluído nas actividades da Semana da Ciencia 2008, o programa das xornadas permitirá amosar actitudes, deseño de formas e estruturas corporais como adaptación a diversos hábitats, funcionalidade dos mecanismos de locomoción de diferentes grupos zoolóxicos e estratexias ofensivo-defensivas, tróficas e reprodutivas.
En opinión dos promotores da iniciativa, descubrir este descoñecido mundo animal é de grande importancia xa que a comunidade docente non universitaria debe xogar un papel decisivo como vieiro que canalice aos alumnos cara campos científicos practicamente ignorados pola sociedade ao tempo que poñer en valor o coñecemento da ciencia básica como cerne das investigacións aplicadas.
Aproveitando os laboratorios da Estación así como o seu instrumental e embarcacións, os asistentes ás xornadas familiarizaranse co desenvolvemento teórico-práctico tanto das técnicas específicas de recolección e separación alleo como das técnicas de investigación no laboratorio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2008.