Docentes de toda España participan en Santiago no Seminario Nacional sobre Actividades para Estimular o Talento Precoz en Matemáticas
Un total de 120 docentes de matemáticas de ensino universitario e non universitario de toda España reuniranse esta fin de semana na Facultade de Matemáticas da USC co obxectivo de propoñer e analizar actividades de detección e estímulo do talento precoz nesta materia. Será durante a celebración do IV Seminario Nacional sobre Actividades para Estimular o Talento Precoz en Matemáticas e a VIII Reunión Nacional do Proxecto ESTALMAT que terá lugar os 8, 9 e 10 de abril. O Seminario está organizado polo Proxecto ESTALMAT-Galicia, baixo a responsabilidade do catedrático de Matemática Aplicada, Juan M. Viaño Rey.
O acto inaugural, este venres 8 ás 16:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, estará presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Juan José Casares Long, acompañado da decana da Facultade, Victoria Otero, o Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación de Profesorado, Manuel Vila e os representantes dos patrocinadores, José Luis Ripoll (Vodafone-España), Rafael Orive (CSIC) e Peregrina Quintela (Ingenio-Mathematica), ademais do Coordindador de ESTALMAT-España, Eugenio Hernández e de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño.
O seminario será un foro de presentación de novas actividades por parte de 18 poñentes, dous por cada unha das 9 sedes de ESTALMAT (Andalucía Oriental, Andalucía Occidental, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia e Madrid) acompañadas da discusión pertinente sobre a validez das propostas para o obxectivo de estimular o talento matemático precoz. As actividades que se expoñan serán recollidas nunha publicación electrónica que se publicará na web de ESTALMAT España (www.estalmat.org) e de ESTALMAT Galicia (www.estalmatgalicia.com), a disposición de todos os profesores que desexen usalas en actividades diarias e obradoiros cos seus alumnos.
Proxecto ESTALMAT
En 1998, a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais puxo en marcha o proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat), co obxectivo de detectar, orientar e impulsar o mesmo entre os estudantes de 12 a 13 anos. Na actualidade, hai 9 comunidades, entre elas Galicia, nas que se desenvolve este programa.
A actividade principal do Estalmat Galicia, igual que nas demais comunidades, céntrase en seleccionar cada ano a 25 estudantes galegos mediante unha proba, igual en toda España, á que veñen acudindo entre 200 e 300 rapaces cada ano. Os seleccionados teñen a oportunidade de asistir durante dous cursos académicos a actividades impartidas, durante 20 sábados cada curso, na Facultade de Matemáticas por un equipo de 25 profesores de ensino universitario e secundario. Os dous cursos seguintes seguen a ter actividades do mesmo tipo pero con menor frecuencia (6 sábados cada ano).
O obxectivo é permitir que rapaces con capacidade especial polas matemáticas teñan unha oportunidade de docencia especial e evitar que poidan caer no fracaso por falta de seguimento. Se trata en definitiva de lograr que a excepcional potencialidade destes estudantes se reflicta no futuro na achega cultural, científica e tecnolóxica ao país dende calquera ámbito de estudio que escollan. Cada ano, 250 novos talentos matemáticos de toda España entran a formar parte do selecto grupo de estudantes que participan nas actividades de ESTALMAT.
O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España, do Proxecto Ingenio-Mathematica do Programa Consolider e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico das Deputacións da Coruña e Lugo, do Concello de Guitiriz, e, para o vindeiro curso, da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web http://www.estalmatgalicia.com
.