Ir o contido principal

Docentes de Formación de Profesorado defenden a creatividade nos procesos de aprendizaxe no libro Educar a través da arte

Salvador Cidrás, Rocío Modia e Vicente Blanco, na presentación do libro 'Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada'
Salvador Cidrás, Rocío Modia e Vicente Blanco, na presentación do libro 'Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada'
Vicente Blanco e Salvador Cidrás sosteñen neste volume, editado por Kalandraka, a integración de arte e educación para favorecer a formación da identidade das persoas
Lugo

Os mestres de Educación Visual e Plástica na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo Vicente Blanco Mosquera e Salvador Cidrás defenden un maior peso da creatividade nos procesos de ensino e aprendizaxe no volume que veñen de publicar na Colección de Pedagoxía da editorial Kalandraka, dirixida polo catedrático da USC Antón Costa, baixo o título ‘Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada’.

Este libro, que tamén inclúe a colaboración da mestra xa titulada Rocío Modia, quen achega a esta obra a súa experiencia vital, antóllase como unha obra de ‘deconstrución’ da situación actual da escola, a través da que os seus autores propoñen cambios e demandan unha maior implantación dos procesos creativos e máis ponderación da creatividade do alumnado no seu labor cotiá na escola.

‘Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada’ é unha obra que, alén de convidar a unha reflexión sobre o funcionamento do sistema, tamén achega novas propostas acaídas para mestres, profesores e alumnos. De feito, este volume, considerado como “un libro teórico práctico” por parte dos seus autores, suxire transformar o método imperante e ofrece ao profesorado pautas para revitalizar a dinámica creativa de nenos e nenas nas aulas.

Así, a partir da idea de que arte e educación intégranse no compromiso común da formación da identidade das persoas, non como unha singularidade individual, senón como unha construción autónoma, libre e consciente, conformada en interrelación co contexto sociocultural, os fundamentos teóricos deste libro beben da educación artística e da metodoloxía creativa, así como da estética, concibida como elemento clave para apreciar a diversidade.

Daquela, a arte como acción creadora é o núcleo deste primeiro libre de temática pedagóxica de Vicente Blanco e Salvador Cidrás, unha obra dirixida tanto ao profesorado en activo como a futuros docentes, especialmente de educación Infantil e Primaria, mais tamén de Secundaria.