Docentes e investigadores de dez universidades españolas debaten en Lugo sobre melloras na docencia veterinaria
Uns 60 profesores e investigadores procedentes de dez facultades de Veterinaria de España e tamén do estranxeiro participan desde hoxe na Faculatde Veterinaria do campus de Lugo na primeira edición do Congreso VetDoc de Docencia Veterinaria, un foro promovido pola Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), que preside a profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC Cristina Castillo, e que terá continuidade este sábado con celebración de diversos relatorios e cunha lección maxistral a cargo do doutor e profesor da USC Miguel Ángel Zabalza Beraza, quen disertará, a partir das 15.30 horas, na sala de xuntas do centro universitario lugués sobre as expectativas que a sociedade ten depositadas no profesorado universitario.
O decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Germán Santamarina, presidiu este venres a sesión inaugural deste foro promovido pola Asociación Española de Veterinarios Docentes e que pretende contribuír á mellora da calidade da aprendizaxe e da formación dos futuros graduados en Veterinaria. O alcalde de Lugo, José López Orozco; a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; o deputado provincial delegado da área de Asistencia e Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, e a presidenta da Asociación VetDoc tamén participaron no acto inaugural destas xornadas, no marco das que se presentan a análise e debate preto de medio centenar de traballos e propostas desenvolvidas por docentes e investigadores de toda España. Os relatores que interviñeron na apertura oficial deste congreso coincidiron en salientar a Facultade de Veterinaria de Lugo como buque insignia do campus lugués e centro de referencia nacional e internacional, como o proba o feito de que se trata dunha das primeiras facultades de Veterinaria de España que acadou a homologación europea, unha avaliación positiva que xa renovou e que volverá a ter que acreditar en 2018. Alén dos eloxios ao traballo desenvolvido ao longo das tres últimas décadas por todas as persoas que dun ou doutro xeito participaron e participan na actividade cotiá da Facultade de Veterinaria de Lugo e dos agradecementos aos asistentes presentes na sesión, o decano Germán Santamarina, salientou a oportunidade da celebración deste congreso sobre docencia veterinaria. Santamarina sinalou neste senso que “a docencia universitaria é unha cuestión máis vocacional que profesional, xa que non conta con ningún tipo de recoñecemento nin incentivo”. Asemade, logo de reiterar a importancia da actividade docente, Santamarina sinalou que, “ademais da ausencia de estímulos os docentes universitarios vémonos na obriga de completar a implantación das pautas recollidas no denominado Plan Boloña a custe cero, o que supón unha dificultade a maiores que só se pode solucionar con imaxinación, esforzo e novas ideas”, dixo. A doutora Wendela Wapenaar, profesora de medicina de grandes animais e epidemioloxía na facultade de Veterinaria da Universidade de Nottingham foi a encargada de abrir a quenda de relatorios deste congreso, profesorado universitario. Ao remate da súa intervención comezaron a desenvolverse as distintas sesións de traballo programadas no marco deste congreso. Estas xornadas de traballo permitirán aos participantes analizar e debater cuestións relacionadas coas metodoloxías docentes, as ligazóns entre a docencia veterinaria e a sociedade, métodos de avaliación e formación dos docentes, a adaptación dos estudos de Veterinaria ao Espazo Europeo de Educación Superior e o actual título de grao, o uso das TIC na docencia e as prácticas externas. A celebración deste congreso de docencia veterinaria serve asemade como sede da primeira asemblea xeral dos socios integrados na Asociación Española de Veterinarios Docentes, unha sesión que se desenvolverá este venres, a partir das 18.00 horas.
A xornada de clausura deste foro comezará este sábado, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria de Lugo, o mesmo escenario onde se celebrará, a partir das 13.30 horas, a sesión de clausura, una acto no que está prevista a participación do vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
Ángel Abuelo presenta a doutora Wendela Wapenaar, na sala de xuntas de Facultade de Veterinaria