Ir o contido principal

Docentes da USC asisten en Lituania á conferencia internacional sobre libros de textos e materiais didácticos de IARTEM

Neste encontro, preséntanse ademais o libro de actas do congreso de IARTEM celebrado na USC e que coordina o profesor Jesús Rodríguez

O profesor da Facultade de Ciencias da Educación Jesús Rodríguez participa estes días en Lituania na 11º International Conference on Textbooks and Educational Media que organiza a International Association for Research on Textbooks and Educational Media (IARTEM) tomando como temática central o lema ‘Representation of otherness’. No programa deste encontro, impartirá xunto coa tamén profesora Rosa María Vicente Álvarez un relatorio sobre a percepción que os docentes en Galicia teñen en relación coa didáctica e os materiais docentes en música na etapa da educación infantil. O programa deste encontro internacional de expertos en libros de texto e medios didácticos, inclúe tamén a presentación do libro de actas correspondentes á decima edición desta conferencia, celebrada en Santiago de Compostela. O volume coordinouno o profesor Jesús Rodríguez xunto a Mike Horsley, da Universidade de Sydney e Susanne V. Knudsen, do Vestfold University College de Noruega, e recolle as achegas de profesionais de máis de 40 países procedentes dos cinco continentes, entre os que se atopa textos dun importante número de investigadores de universidades españolas. Segundo explicou o profesor Rodríguez a obra constitúe unha boa oportunidade para “dispoñer dunha radiografía do estado da cuestión na investigación relacionada cos libros de textos e materiais didácticos nos contextos local, nacional e, por extensión, internacional”. O volume está a disposición das persoas interesadas en http://www.iartem.no/10th_Conference_online/index.html, onde se pode consultar gratuitamente ou descargar en formato de libro electrónico.

No encontro de Santiago, os tema tratados e logo trasladados ao libro definiron un debate que incidiu nas complexas e múltiples relacións entre o contexto do proceso ensino-aprendizaxe e a socialización de identidades nacionais. Partindo desta premisa, as intervencións focalizáronse no proceso de deseño, desenvolvemento, uso e selección de obxectivos dos libros de textos e outros recursos pedagóxicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2011.