Docentes de Uzbequistán e Casaquistán visitan a USC para traballar no deseño dun máster interuniversitario en enxeñaría matemática
Unha ducia de docentes de Asia Central visitan esta semana a Facultade de Matemáticas para recibir cursos de formación no marco do proxecto europeo ECCUM (Establishment of Computing Centers and Curriculum Development in Mathematical Engineering Master program) que coordina a USC. En concreto, nesta ocasión os visitantes proceden de tres universidades de Uzbequistán e dúas de Casaquistán.
A USC coordina o proxecto europeo ECCUM no que participan universidades de Uzbekistán, Kazakhstan, Eslovenia e Italia, co apoio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A finalidade é o desenvolvemento dun máster de alcance interuniversitario na zona de Asia central inspirado na experiencia docente da USC no ámbito da enxeñaría matemática e a matemática industrial así como o despregamento dunha rede de centros de cálculo.