Ir o contido principal

A Domus do Mitreo amosa ao mundo a pegada romana de Lugo

Anagrama do Museo Universitario A Domus do Mitreo, coa ara ao fondo
Anagrama do Museo Universitario A Domus do Mitreo, coa ara ao fondo
O Museo Universitario A Domus do Mitreo ofrece na súa web ampla información e documentación científica relativa ao xacemento arqueolóxico que acubilla ao tempo que propón ao alumnado preuniversitario fichas didácticas que permiten iniciarse ou afondar no coñecemento da historia e da arqueoloxía de xeito divertido
Lugo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo amosa ao mundo fonda pegada que deixaron os romanos en Lugo a través dunha web de carácter interactivo que, ademais e compilar ampla información e documentación científica relativa ao xacemento arqueolóxico que acubilla, pon a disposición do alumnado preuniversitario e de todas as persoas interesadas fichas didácticas que permiten iniciarse ou afondar no estudo da historia e da arqueoloxía de xeito divertido.

A web adomusdomitreo.com ofrece ao usuario a posibilidade de viaxar no tempo para sumerxerse na Lucus Augusti de hai 2000 anos e de visitar a domus (casa) de luxo do  centurión romano Legio VII Gemina Antoniniana e recadador de impostos local Gaius Victorius Victorinus. Esta vivenda, que resultou destruída polas obras de construción da muralla, agochaba no seu interior un templo ou lugar de culta ao deus Mitra, segundo o constata o achado da ara descuberta nos traballos de escavación do solar contiguo ao edificio da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

A ara do templo de Mitra emprazado neste espazo e o anagrama identificativo do Museo Universitario A Domus do Mitreo presiden esta nova web, na que unha secuencia de imaxes do xacemento convidan ao visitante a adentrase nun espazo pétreo que dá boa conta da fonda pegada romana que aínda conserva a capital luguesa, ao tempo que permite albiscar como foi a evolución da cidade e o seu desenvolvemento urbanístico e socioeconómico ao longo dos séculos.

As singularidades do culto a Mitra, unha divinidade de orixe persa que se incorporou ao panteón romano de xeito tardío e que chegou a Lucus Augusti da man do centurión Victorinus e a posibilidade de gozar dun espazo único no que se funden historia, relixión, arqueoloxía, arquitectura e, definitiva, cultura, son outras das prestacións que ofrece esta nova bitácora virtual do Museo Universitario A Domus do Mitreo.

Accesible en tres idiomas, como o son o galego, español e inglés, a web da Domus do Mitreo, que xa conta con numerosos recursos multimedia e que proximamente incorporará a posibilidade de facer visitas guiadas en liña, constitúe tamén un repositorio de información funcional relativa a horarios de apertura, taxas, xornadas de portas abertas, información sobre pezas musealizadas e demais actividades relacionadas co xacemento ou desenvolvidas nunhas instalacións actualmente pechadas ao público por mor do estado de alarma sanitaria decretado pola COVID-19.

Recursos didácticos

A provisión de recursos didácticos e de lecer, a través dos que aos máis cativos e tamén á mocidade poidan facer un primeiro achegamento ao Museo Universitario A Domus do Mitreo é unha das teimas da súa directora científica, a profesora da USC na Facultade de Humanidades, Dolores Dopico Caínzos. Neste senso, a nova web inclúe ferramentas educativas e didácticas adaptadas a diversos grupos de idade e niveis de ensino, un compendio de material que será ampliado e renovado de xeito periódico.

O amplo programa didáctico ofrecido na web da Domus do Mitreo supón na actualidade unha alternativa engadida de lecer educativo para os máis novos. Daquela, alén da actual conxuntura, este repositorio en liña inclúe guías didácticas para os docentes, planificación de visitas e obradoiros, ademais de recomendacións de traballo nas aulas. A primeira achega feita neste senso inclúe tres propostas. Unha está estreitamente relacionada coa gastronomía e a conseguinte elaboración de receitas propias da época romana, aínda que con produtos da cesta da compra contemporánea. A continuidade deste traballo permitirá a elaboración dun receitario da Domus e a conseguinte posibilidade de gozar de novo de sabores da antiga Roma.

A ficha didáctica orientada ao alumnado de ensino primario permitirá aos escolares avanzar no coñecemento da estrutura e da organización da cidade romana, ao tempo que favorecerá un maior coñecemento do recinto amurallado da capital luguesa e dos seus vestixios romanos. A milicia e o exército romano, a súa organización, estrutura, e funcións, centra os contidos da primeira das propostas educativas provistas desde a web do Museo Universitario A Domus do Mitreo para o estudantado de ensino secundario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2020.