Ir o contido principal

A Domus do Mitreo recibe 3.200 visitantes en agosto e suma xa preto de 8.000 desde a súa apertura como museo universitario

Imaxe do xacemento mitraico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo
Imaxe do xacemento mitraico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo
As dependencias museísticas do campus de Lugo contabilizaron nos últimos catro meses a presenza de máis de 750 persoas de procedencia internacional

A Domus do Mitreo rexistrou durante o mes de agosto 3.175 visitantes, unha afluencia récord que representa un incremento de máis dun 35% respecto das 2.320 visitas contabilizadas durante o mesmo período de 2017. O elevado número de visitantes que se achegaron ata o xacemento mitraico lugués en agosto permite elevar a preto de 8.000 o número de persoas que accederon a este enclave arqueolóxico e ás súas salas expositivas desde a súa apertura como museo universitario a comezos do pasado mes de maio.

A transformación da Domus do Mitreo en museo universitario converteu a USC en responsable único da xestión dunhas instalacións que desde a súa apertura espertaron grande interese turístico. Estes cambios coincidiron tamén coa implantación de taxas de entrada e coa ampliación do horario de visitas ao citado museo, agora accesible para o público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, e dos domingos en horario matinal.

Alén da cifra global, as estatísticas de visitantes do Museo Universitario A Domus do Mitreo revelan asemade unha salientable presenza de público estranxeiro, un colectivo que no mes de agosto superou as 300 persoas. Dos visitantes foráneos contabilizados neste período, 237 procedían de países europeos, 66 do continente americano e catro doutros lugares.

Respecto da procedencia dos 2.868 visitantes nacionais que accederon ao xacemento da Domus do Mitreo durante o mes de agosto, 271 eran veciños da provincia da cidade de Lugo, 67 procedían doutros municipios da provincia. O número de persoas chegadas doutras localizacións das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra elevouse a 292, mentres que o resto (2.238) proceden doutras comunidades autónomas.

A información referida ao perfil das persoas que accederon en agosto ás dependencias do Museo Universitario A Domus do Mitreo, presenta datos parellos ás estatísticas de visitantes rexistradas nos tres meses anteriores, sobre todo no que atinxe á elevada afluencia de público estranxeiro. Daquela, cómpre salientar que a porcentaxe de visitantes internacionais chegados ao xacemento mitraico lugués nos meses de maio, xuño e xullo representa arredor do 10% do total do público rexistrado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2018.