Ir o contido principal

A Domus do Mitreo súmase ao ‘Arde Lucus’ con visitas guiadas de balde do 25 ao 27 de xuño

Imaxe do xacemento arqueolóxico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo
Imaxe do xacemento arqueolóxico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo
O aforo dos percorridos didácticos, aos que xa dá acceso a entrada ao xacemento, está limitado a un máximo de 16 persoas por pase e o público interesado debe formalizar antes a súa inscrición a través do enderezo electrónico mitreo.lugo@galipat.es
Lugo

O Mueo Universitario A Domus do Mitreo súmase á celebración do ‘Arde Lucus’ condicionada pola pandemia derivada da COVID-19 coa organización de visitas guiadas de balde ao xacemento mitraico desde o xoves 25 ata o sábado 27 de xuño.

O aforo dos percorridos didácticos, aos que xa dá acceso o pago da entrada ao xacemento, está limitado a un máximo de 16 persoas por pase e o público interesado debe formalizar a súa inscrición con antelación a través do enderezo electrónico mitreo.lugo [at] galipat.es (mitreo[dot]lugo[at]galipat[dot]es).

As seis visitas guiadas ao Museo Universitario A Domus do Mitreo promovidas sen custo engadido pola USC coincidindo coas datas de celebración do ‘Arde Lucus’ desenvolveranse en quenda de mañá e tarde os días 25, 26, e 27 de xuño, segundo indicou a directora do museo universitario do Campus de Lugo da USC, Dolores Dopico Caínzos, quen precisou que a visita matinal comezará ás 11.30 horas, mentres que o horario do pase vespertino será ás 17.30 horas.

Dopico Caínzos explicou que o obxecto desta iniciativa é dobre, xa que ademais de procurar a promoción e posta en valor do singular xacemento musealizado no solar sobre o que se asenta a Casa do Saber, tamén se pretende favorecer o coñecemento e o goce deste patrimonio a toda a xente interesada, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2020.