Ir o contido principal

A Domus do Mitreo súmase á conmemoración do Día Internacional dos Museos

Detalle do Museo Universitario A Domus do Mitreo. FOTO: https://adomusdomitreo.com/
Detalle do Museo Universitario A Domus do Mitreo. FOTO: https://adomusdomitreo.com/
A presentación dunha monografía e unha ruta arqueolóxica alternativa integran a programación que se desenvolve ao longo desta semana no Campus de Lugo da USC
Lugo

O vínculo entre a Domus do Mitreo e a cidade é o eixo sobre o que se asenta a programación coa que o Museo Universitario do Campus de Lugo se suma á conmemoración que cada mes de maio ten lugar co gallo do Día Internacional dos Museos. Nesta ocasión, a sede universitaria luguesa únese, coa presentación dunha monografía e cunha ruta arqueolóxica, a esta data festiva que pretende concienciar sobre o feito de que os museos son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.

Neste senso, o Pazo de Montenegro acolle este martes 21, a partir das 19.00 horas, a presentación da monografía Specula Populi Romani. Revisitando el papel de la ciudad romana, na que unha vintena de investigadores e investigadoras procedentes de diversas universidades e centros de España, Portugal, Francia e Italia, profundan nun elemento estrutural do mundo antigo, a cidade.

A sesión contará coas intervencións de Dolores Dopico, directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo e da colección na que se enmarca a obra; o profesor da USC Manuel Villanueva, tamén director científico da colección; Antonio Álvarez Rodríguez, adxunto para o Campus de Lugo da USC; e Iria Castro Fernández, deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. A obra pertence á colección Philtáte, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo que chega xa ao seu sexto número.   

A Domus “dende fóra”

O Museo Universitario A Domus do Mitreo tamén organiza este mércores 22 unha ruta arqueolóxica titulada ‘A Domus na cidade’. Ao revés do que se ten realizado noutras ocasións, non se visitará o xacemento, senón que se abordará a Domus “dende fóra”, tal e como explica o arqueólogo e director da escavación do xacemento, Celso R. Cao. Trátase de mostrar a relación desta Domus coa cidade e co seu territorio, algo que non se fixera ata o de agora. Xunto a Rodríguez Cao, guiará o percorrido o profesor da Facultade de Humanidades, Francisco Folgueira.

A actividade iniciarase ás 19.00 horas, diante do Museo. Apta para todas as idades, esta é unha acción gratuíta con prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse no enderezo electrónico museomitreo.lugo [at] fundacionusc.gal (museomitreo[dot]lugo[at]fundacionusc[dot]gal) No caso de que o percorrido non se poida realizar debido ao mal tempo, darase a coñecer unha data alternativa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2024.