Ir o contido principal

Dous cursos da USC profundan na historia da cultura e cata do viño

Achegarse á historia da cultura e cata do viño tanto en Galicia coma no conxunto español é o propósito dos cursos de formación continua que, nas súas modalidades básica e de perfeccionamento, se desenvolverán nos meses de marzo e abril na USC e para os que xa está aberto o prazo de inscrición, que rematará o 29 de febreiro.
O profesor da USC Xavier Castro, especialista en historia do viño e a alimentación, e Cristina Alcalá, experta en cata e autora do libro El mundo del vino contado con sencillez, serán os responsables da docencia, que se impartirá no Hotel Virxe da Cerca os luns e mércores de 20:00 a 22:30 horas, do 3 ao 31 de marzo no caso do curso básico e do 2 ao 30 de abril no de perfeccionamento.
Ampla temáticaNo módulo dedicado á cultura do viño explicarase o valor tradicional deste como produto de primeira necesidade, pero tamén como símbolo identitario, o seu erotismo, a historia do gusto, os factores socioculturais na base da preferencia polo branco ou tinto, a polisemia, a simboloxía ou a súa relación coa gastronomía ou a muller serán outros dos temas a tratar neste módulo inicial.
Xa no bloque referido á cata os asistentes diferenciarán cepas e coñecerán as distintas Denominacións de Orixe galegas así como as variedades autóctonas e foráneas. Ademais, participarán en catas dun importante elenco de caldos galegos de calidade.
PresentaciónOs pormenores dos cursos explicaranse nunha rolda de prensa a celebrar o mércores, día 13, ás 12:00 horas no Hotel Virxe da Cerca, onde se servirán viños das cinco DO de Galicia que serán comentados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2008.