Ir o contido principal

Dous docentes da Universidade de Santiago, únicos representantes do sur de Europa nun seminario da rede EOE

Estudantes e profesores británicos e españois en Cabana Verónica (Picos de Europa)
Estudantes e profesores británicos e españois en Cabana Verónica (Picos de Europa)
Uxío Otero e Vicente Blanco, do Campus Terra, asistirán este mes en Plymouth ao XVI Seminario Europeo do Instituto de Educación en Aventura ao Aire Libre e Aprendizaxe Experimental

Os profesores do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (Daen), que imparte a USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra, Vicente Blanco Mosquera e Uxío Otero Urtaza participarán a finais de mes na cidade británica de Plymouth na decimosexta edición do Seminario Europeo do Instituto de Educación en Aventura ao Aire Libre e Aprendizaxe Experimental (EOE). Blanco e Otero son os dous únicos profesores do sur de Europa que participarán do 28 de xuño ao 2 de xullo neste foro, no que toman parte importantes investigadores do Reino Unido, norte e centro de Europa, Australia e Estados Unidos e que nesta edición leva por título ‘Atmósferas ao aire libre e Narrativas: Conectar a mocidade ao mundo’.

As diferentes sesións programadas no marco deste seminario permitirán afondar no estudo das narrativas que se constrúen cando se experimenta o mundo dos grandes espazos naturais, os seus elementos estéticos e sensoriais, considerando tanto os elementos románticos, como críticos, artísticos e cognitivos. O obxectivo deste foro pasa por “co-construír” novas formas de pensar sobre a práctica ao aire libre, engadindo “atmosferas e narracións” que xeren curiosidade e novidade, permitindo enriquecer as prácticas ao aire libre da mocidade. Búscase así incidir en narrativas de poder e inclusión arredor de temas de xénero, diversidade e opresión que inflúen directamente en asuntos de xustiza social e ambiental.

Vicente Blanco e Uxío presentarán no marco deste seminario dous relatorios: un sobre as posibilidades de realizar no barrio do Carme de Lugo unha acción educativa que permita a súa mellora ambiental e comunitaria e tamén un proxecto educativo para a recuperación da lagoa de Coeses. A segunda das propostas que exporán estes dous profesores do Campus Terra da USC analiza os traballos que se presentaron no máster entre 2012 e 2016, en relación directa coa temática do seminario.

O EOE ten a súa sede na universidade de Marburg (Alemaña) e está presidido polo profesor Chris Loynes da Universidad de Cumbria. O campus lucense tomou contacto con esta organización na súa conferencia celebrada en Laugar Sælingsdal (Islandia) entre o 3 e 7 de setembro de 2014, e desde entón manteñen reunións periódicas, por medio de actividades do máster e do grupo de investigación Edunartex, que pertence á rede RINEF CISOC. O pasado mes de maio un grupo de profesores e estudantes conviviron varios días en Potes, nos Picos de Europa, con estudantes e profesores da citada universidade británica de Cumbria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2017.