Dous equipos da USC recolleron os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022
O acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022 serviu para distinguir, na súa oitava edición, ao grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da Facultade de Farmacia e á spin-off BFlow SL, xurdida dunha colaboración entre grupos das Facultades de Óptica e Optometría e de Física. Estes premios están convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) para recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía.
O evento, presidido pola vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, contou coa asistencia do vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; da directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (Gain), María José Mariño; o reitor da UDC, Julio Abalde; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.
Desenvolvemento de fármacos
Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research, son os responsables do proxecto ‘Ligandos fluorescentes como alternativa ao uso da radioactividade na industria farmacéutica’, recoñecido nesta convocatoria co premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación. Dentro do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do CiQUS e da facultade de Farmacia da USC, a proposta premiada explota unha novidosa tecnoloxía ideada para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica, como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos.
“É unha satisfacción enorme que os nosos resultados científicos poidan traspasar o laboratorio e chegar a outras universidades, empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas en forma de produtos de alto valor engadido, promovendo o uso de métodos respectuosos co medio ambiente e contribuíndo a acelerar o descubrimento de fármacos”, explicou Eddy Sotelo ao recoller o galardón.
A radioactividade úsase de xeito masivo e cotiá nas etapas pre-clínicas de descubrimento de fármacos para avaliar millóns de compostos, co obxectivo de identificar os novos candidatos a fármacos. Nos últimos anos, debido aos estritos requisitos de seguridade asociados ao uso da radioactividade, os seus elevados custos e o impacto ambiental, popularizouse o uso de ensaios biolóxicos baseados na fluorescencia. Pero o seu uso segue a ser baixo debido á limitada dispoñibilidade de ligandos fluorescentes.
A tecnoloxía desenvolvida pola USC permite que as técnicas baseadas na fluorescencia sexan unha opción real, obtendo sondas fluorescentes con propiedades farmacodinámicas e foto-físicas óptimas en tempos relativamente curtos e a prezos competitivos. Fronte aos ligandos radioactivos, os fluorescentes son totalmente seguros e non tóxicos. Este tipo de servizo non o ofrece ningunha outra empresa do sector; ademais de que o equipo xa dispón unha patente europea, en proceso de extensión internacional. Durante o seu primeiro ano de vida, Celtarys consolidouse como a única compañía europea dedicada en exclusiva ao desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para screening de fármacos, con clientes en Suíza, Reino Unido, EEUU ou Corea.
BFlow
Pola outra banda, a RAGC concedeu o premio ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida á spin-off BFlow SL . Nacida en maio de 2020, esta sociedade é froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Optometría e de Física da USC e da Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada.
Recolleu o premio María Seoane, conselleira delegada da empresa, quen deu as grazas en nome de todo o equipo e explicou como procuran imitar os órganos humanos no laboratorio, incrementando a taxa de éxito e reducindo custos e experimentación animal.
A empresa conta cunha tecnoloxía punteira que se está a enriquecer co desenvolvemento de proxectos de I+D propios e en colaboración con entidades de referencia complementarias, que permite unha gama de produtos especificamente adaptados ás necesidades da industria farmacéutica a escala internacional. Ofrece solucións a medida de maneira rápida e cun custo reducido en comparación con outras técnicas.
Os dispositivos e solucións microfluídicas desenvolviddas pola empresa permiten probar os fármacos en fases in vitro imitando a fisioloxía dos animais, discriminando nunha etapa temperá aquelas moléculas que non funcionarán cando se levan ás fases clínicas. Esta tecnoloxía dará solución tamén aos retos actuais de detección de pequenas concentracións de substancias en tempo real nos sectores da ecoloxía, enerxía e agroalimentario.
Os premios
Esta convocatoria contempla un total de tres categorías, que se completan co premio ‘Francisco Guitián Ojea’ outorgado a un proxecto liderado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UDC. Os tres traballos distinguidos recibiron un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo.