Ir o contido principal

Dous investigadores do grupo de Ecoeficiencia presentan as súas liñas de traballo no Congreso Mundial da Química do Cemento

Pablo García nun momento da súa intervención
Pablo García nun momento da súa intervención

Dous investigadores do grupo de Ecoeficiencia da USC, Pablo García Triñanes e Gabriel Pereiro, expoñen estes días no Congreso Mundial da Química do Cemento en Madrid os avances experimentados por este grupo no proceso de activación alcalina de diversos residuos industriais de difícil tratamento como as cinzas voantes, escorias, residuos da industria de procesamento de aluminio ou vidros. A achega dos investigadores composteláns enmárcase dentro da área de novas matrices cementantes e oriéntase á valorización de certos residuos fundamentalmente aluminosilicatos e o seu emprego como materiais ligantes en elementos prefabricados, paneis de illamento ou membranas. O traballo destes dous investigadores está agora abrindo novas vías de investigación relacionadas con materiais que se poidan transformar en produtos vendibles, partindo de residuos abundantes no territorio galego mediante a súa transformación e reutilización. De feito, pensan continuar co estudo desas matrices alternativas, para a produción de paneis, prefabricados ou estruturas a medida con propiedades activas que complementen ao cemento convencional e incluso o reempracen en certas aplicacións. Debido aos progresos preliminares rexistrados en termos de resistencia mecánica ou durabilidade dos xeopolímeros obtidos, ambos confían en atoparlles aplicacións progresivas, xa sexa polo seu baixo custe, como polos seus potenciais usos como materiais composites máis sofisticados mediante a introdución de fibras ou con usos específicos.

No Congreso Mundial da Química do Cemento participan profesionais do sector cementeiro, centros tecnolóxicos, universidades e empresas auxiliares e conta con 650 publicacións coa presenza de aproximadamente 900 asistentes. Este encontro internacional celébrase cada catro anos, atópanse entre as candidatas da próxima edición propostas de China, Australia, México e Brasil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2011.