Dous profesores cubanos ofrecen docencia sobre Agroecoloxía en programas de doutoramento de Enxeñaría Agroforestal
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, recibiu este venres a dous profesores cubanos que están a participar en diversas actividades de docencia e investigación no eido da Agroecoloxía froito dos Acordos Marcos de Colaboración da USC coas institucións que representan.
Os profesores son Gustavo Febles Pérez, que é investigador no Instituto de Ciencia Animal no país caribeño e ocupa tamén o cargo de presidente do Tribunal Nacional de Fitotecnia de Cuba para o doutoramento en Ciencias.
Por outra banda, José Manuel Febles é profesor e investigador da Universidade Nacional Agraria da Habana (UNAH) onde tamén foi director de Relacións Internacionais. Actualmente é o director do Grupo de Atención a Asia do Ministerio de Educación Superior.
Estes dous especialistas están estes días a impartir docencia en distintas actividades formativas do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, na Escola Politécnica Superior, como o seu programa de doutoramento. O tema central das súas explicacións é a agroecoloxía.
Ademais, estreitan relacións para fomentar os programas de intercambio entre as institucións educativas dos dous países. A súa presencia en Lugo non é a primeira vez que se produce xa que son habituais as relacións entre os dous países a través deste departamento da USC do Campus de Lugo.