Douscentos estudantes de Pedagoxía de todo o Estado debaten na USC sobre a titulación e os retos futuros
Un total de douscentos estudantes de Pedagoxía chegados de Universidades de todo o Estado reúnense este mércores na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur no Encontro Estatal de Estudantes de Pedagoxía.
A xornada inaugurárona o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijóo; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel; e o estudante do grao en Pedagoxía da USC Luis Carrera. Deseguido, o profesor da Universidade Complutense de Madrid Fernando Gil Cantero pronunciou a conferencia '20 razóns para querer a Pedagoxía'.
A sesión continuou coa mesa de experiencias 'Abrindo camiños dende unha mesma orixe. A Pedagoxía', que moderou a estudante da USC María Caeiro Pena. Nela, Marina Mata Rivas expuxo o proxecto levado a cabo no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz, Alejandra de la Iglesia Mallo o da Asociación Centro Xuvenil Abertal, Ángela Valladares Wittwer fixo o propio co Programa Espazos de Preservación Familiar da Fundación Meniños/Asociación Arela, Berta Miñonez Cruz coa do Centro de día Más Vivir e, finalmente, Ana Fernández Delgado explicou a experiencia da Fundación Laboral da Construción.
'Estudantado de Pedagoxía. Futuras voces profesionais da Educación' é o título da mesa redonda na que, moderada polo estudante do grao da USC Ivan Fuentes Sánchez, participaron as súas compañeiras de titulación Cecilia Rivas Cal, Iria Pérez Señoráns, Luis Carrera González e Raúl Martínez Martínez.
A xornada complétase co obradoiro ‘Like o dislike? O impacto da Pedagoxía en Redes Sociais’ a cargo das alumnas Sofía Castro Álvarez e Oriana Díaz Porras, e unha mesa redonda sobre a visión do profesorado de Pedagoxía coa participación dos e das docentes Miguel Ángel Santos Rego, Aixa Permuy Martinez, Fátima Mª García Doval e Isabel Dans Álvarez de Sotomayor. Moderou este debate a estudante da Universidade de Burgos Ane Palomo Menéndez.