Douscentos estudantes de secundaria participan en Filoloxía nos terceiros xogos de cultura clásica
A Facultade de Filoloxía recibe este mércores 25 a 200 estudantes de ensino secundario de toda Galicia para participar na terceira edición dos Lvdi Compostellani que organiza a sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC).
Nesta ocasión cóntase coa colaboración do alumnado e profesorado de Filoloxía Clásica e Historia da USC, e dos IES Arcebispo Xelmírez II (Compostela), Manuel García Barros (A Estrada), San Tomé de Freixeiro (Vigo) e IES de Melide.
Ao longo de toda a xornada haberá diferentes obradoiros de cultura clásica, dende escritura e moda ata cociña, hoplitas ou danza, pasando por microteatro e xogos clásicos. Haberá tamén unha xincana clásica polas rúas de Santiago que rematará na Facultade de Xeografía e Historia, que patrocina os premios desta competición.
Olimpíada Xa pola tarde, ás 18:00 horas, entregaranse os premios da IV Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos, que recaeron –en grego– en Enrique Salvado Vigo (1º), Miguel Álvarez Amoedo (2º) e Yanira García Pereira (3º). Na modalidade de latín, o primeiro premio foi para Mariña Ferreiro Vilariño, o segundo para Enrique Salvado Vigo e o terceiro para Laura Ferrer Galbán.