Máis de douscentos responsables de 170 centros de ensino medio de Galicia reúnense na USC
Un total de 170 centros de ensino medio de toda Galicia estarán representados na reunión anual que o Programa ‘A Ponte’ celebra este xoves, día 27, para dar a coñecer as súas actividades no presente curso académico. Nesta xuntanza participan preto de 220 orientadores e directores de centros das catro provincias galegas.
O encontro, que se desenvolverá no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, inaugurarao ás 11:45 horas o reitor compostelán, Senén Barro Ameneiro. A continuación, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, porá aos asistentes ao corrente das novidades respecto da adaptación da USC ao tratado de Bolonia. Aclarará cales son as titulacións que o vindeiro curso 2009-10 estarán implantadas na USC para que así os orientadores o poñan en coñecemento dos alumnos de Bacharelato.
Pola súa banda, o profesor Manuel Bermejo Patiño, vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), falará das novidades da selectividade (PAAU) para este curso así como do propio acceso á USC.
Finalmente, o coordinador do Programa ‘A Ponte’, Luis Mª Hervella Torrón, comentará as accións previstas para este ano académico e faralle entrega aos asistentes da memoria de actividades do curso pasado.