Máis de douscentos responsables de centros de ensino medio de Galicia coñeceron na USC as novidades no eido universitario

Un total de 170 centros de ensino medio de toda Galicia acudiron hoxe xoves á reunión anual que o Programa ‘A Ponte’ celebrou para dar a coñecer as súas actividades no presente curso académico. Nesta xuntanza participaron preto de 220 orientadores e directores de centros das catro provincias galegas.
O encontro inaugurouno no Colexio de Fonseca o reitor compostelán, Senén Barro Ameneiro, nun acto no que tamén interveu a concelleira de Educación de Santiago, Guadalupe Rodríguez. Barro incidiu no proceso de converxencia europeo, advertindo que dende a USC “podemos achegar dun modo moi singular a nosa lingua e cultura a Europa, sempre dentro do ámbito do coñecemento”. Todo iso, recalcou, hai que facelo “de maneira estruturada sempre en permanente comunicación e construción colectiva co ensino medio”.
A continuación, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, puxo aos asistentes ao corrente das novidades respecto da adaptación da USC ao tratado de Bolonia. Aclarou cales son as titulacións que o vindeiro curso 2009-10 estarán implantadas na USC para que así os orientadores o poñan en coñecemento dos alumnos de Bacharelato.
Pola súa banda, o profesor Manuel Bermejo Patiño, vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), falou das novidades da selectividade (PAAU) para este curso así como do propio acceso á USC para, finalmente, o coordinador do Programa ‘A Ponte’, Luis Mª Hervella Torrón, comenta as accións previstas para este ano académico.