Ir o contido principal

A doutora en Enxeñaría Química da USC María Francisco Casal recibe un premio europeo pola súa tese de doutoramento

María Francisco, na cerimonia de recepción do premio en San Petersburgo
María Francisco, na cerimonia de recepción do premio en San Petersburgo

María Francisco Casal, do grupo de procesos de separación e equilibrio interfaces da USC, acaba de recibir en San Petersburgo o Excellence Award on Thermodynamics and Transport Properties no marco do 25 Simposio europeo sobre Termodinámica Aplicada. O premio foille outorgado pola European Federation on Chemical Engineering (EFCE) como recoñecemento á mellor tese de doutoramento europea nese ámbito. O xurado valorou especialmente do traballo ‘Desulfuración dos aceites de combustible mediante extracción con líquidos iónicos’, completado na USC baixo a dirección dos profesores Alberto Arce e Ana Soto, a súa amplitude e profundidade, a orixinalidade do tema estudado e da metodoloxía seguida e o seu impacto científico e relevancia industrial. A teense María Francisco Casal estudou na USC Enxeñaría Química e doutorouse en Enxeñaría Química e Ambiental obtendo a máxima cualificación en 2010 para a súa tese, con mención europea. Durante a súa etapa de doutoramento Francisco Casal colaborou con outras universidades europeas líderes como a de Queen (Belfast) e a Universidade das Palmas de Gran Canaria co programa Marie Curie de formación de doutoramento. Francisco ten no seu haber máis de 16 publicacións, numerosas comunicacións en congresos internacionais e máis de 200 citas derivadas da súa tese. Actualmente realiza a súa estadía posdoutoral no Energy Biosciences Institute da Universidade californiana de Berkeley baixo a dirección de John M. Prausntiz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2011.