Ir o contido principal

A doutoranda Olalla Vázquez acada un dos tres galardóns dos VII Premios de Investigación Lilly

Este premio quere destacar aos mellores doutorandos en calquera das áreas da Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica

A doutoranda do Departamento de Química Orgánica Olalla Vázquez é unha das tres persoas galardoados nos VII Premios de Investigación Lilly, que a compañía farmacéutica convoca para destacar aos mellores doutorandos en calquera das áreas da Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica co fin de distinguir a excelencia investigadora destes estudantes.
O xurado valora para o seu ditame criterios de calidade e cantidade de publicacións, presentacións científicas e estadías en centros estranxeiros durante o doutoramento. Trátase de distinguir aos mellores doutorandos de toda España e premiar as súas capacidades investigadoras.
O traballo de Olalla Vázquez desenvólvese nunha das áreas máis activas na fronteira entre a bioloxía e a química, como é a comprensión das bases moleculares do recoñecemento do ADN e como ese recoñecemento selectivo dalgunhas secuencias determina moitos procesos celulares ou mesmo producir enfermidades.
A doutoranda premiada por Lilly estuda, en concreto, versións artificiais en miniatura das proteínas que recoñecen o ADN. Neste senso, apunta que ademais da súa utilidade como “modelos simplificados dos sistemas naturais, as nosas moléculas poderían ter tamén potencial terapéutico”. Esta liña de traballo forma parte dun grupo, dirixido polo profesor José Luis Mascareñas, que durante os últimos anos ten estudado versións en miniatura de proteínas pertencentes á familia bZIP, moléculas que recoñecen o ADN dun xeito específico, combinando o fragmento natural das proteínas con outras moléculas sintéticas.
“Nesta etapa de doutoramento –narra Olalla Vázquez- profundei no estudo das relacións estrutura-interacción co ADN das versións simplificadas destas proteínas, demostrando a importancia dos contactos electrostáticos no conector entre o fragmento bzip e a molécula tripirrólica para lograr o recoñecemento de alta afinidade”. O traballo propiciou a obtención do primeiro híbrido sintético “capaz de recoñecer con tan alta afinidade e especifidade secuencias de ADN”, explica a doutoranda, e o desenvolvemento de compostos baseados nestes sistemas que poden penetrar no interior das células e ir ata o núcleo.
A doutoranda tamén estudou o uso de derivados da molécula ‘propamidina’ como axentes sintéticos de recoñecemento do ADN. Ademais, no transcurso do traballo observouse que os compostos investigados presentan propiedades de fluorescencia cando se unen ao ADN, “o que facilita o estudo espectroscópico dese recoñecemento”, puntualiza Vázquez.
Parte dos resultados publicáronse en revistas internacionais de prestixio e xa deron lugar a varias solicitudes de patentes. Ademais, Olalla Vázquez realizou dúas estadías internacionais, en 2006 nos laboratorios do profesor Gregory Verdine na Universidade de Harvard (EEUU), e o pasado ano nos de Oliver Seitz na Universidade de Humboldt (Alemaña).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2009.