Ir o contido principal

As doutorandas da USC Soraya Learte e Eva Rivera, recoñecidas nos Premios Lilly de Investigación

Soraya Learte (esquerda) e Eva Rivera (dereita). FOTO: CiQUS
Soraya Learte (esquerda) e Eva Rivera (dereita). FOTO: CiQUS
Ambas as dúas investigadoras desenvolven as súas respectivas liñas de traballo no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS)
Santiago de Compostela

A Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e a marca Lilly acaban de conceder os seus Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento, un galardón que recoñece a excelencia investigadora, no ámbito académico, dos estudantes nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica. Dos tres premios que estaban en xogo nesta convocatoria de ámbito nacional, dous deles foron outorgados a doutorandas da USC no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Soraya Learte e Eva Rivera. Os seus traballos foron seleccionados polo Comité Científico entre un gran número de candidaturas con alto nivel científico e académico, nun proceso especialmente competitivo.

"Este recoñecemento supón, sobre todo, unha maior motivación para seguir investigando e unha recompensa a todos estes anos de esforzo" comenta Eva Rivera, que desenvolve a súa tese no CiQUS baixo a supervisión do profesor Fañanás Mastral. O seu traballo céntrase na procura de novas metodoloxías sintéticas multicompoñente a través de catálise organometálica. "Estas reaccións permítennos construír building blocks altamente funcionalizados a partir de compostos sinxelos e facilmente accesibles, como son os hidrocarburos insaturados" explica Eva Rivera. Estes building blocks son de especial interese pola súa ampla versatilidade sintética, permitindo acceder a unha gran variedade de estruturas, por exemplo, dienos presentes en produtos naturais.

A tese de Soraya Learte, dirixida polo profesor José Luis Mascareñas, céntrase no uso de metalopéptidos e metaloproteínas en química biolóxica. No seu traballo desenvolveron novas proteínas sintéticas, capaces de unirse con alta afinidade ao ADN e funcionar como activadores de xenes. Por outra banda, "demostramos a capacidade destes metalopéptidos para recoñecer proteínas oncoxénicas e modificar a súa actividade, ou a capacidade de actuar como metaloenzimas artificiais, sendo capaces de promover reaccións non naturais no interior de células de mamífero", explica a investigadora. "Para min é un orgullo recibir este premio, e estou segura de que vai axudarme na miña futura carreira investigadora", explicou.

Ambos os dous recoñecementos poñen de manifesto a estratexia formativa da USC no CiQUS e a súa aposta por promover o talento novo e impulsar, ao mesmo tempo, a carreira investigadora das mulleres. Cos de Eva e Soraya, son xa sete os galardóns que atesoura o CiQUS nos premios Lilly de Investigación, catro deles outorgados a mulleres. En anteriores edicións o premio foi concedido a Lorena Tizón (2012), Isaac Alonso (2013), Mateo Sánchez (2014), Andrés Seoane (2015) e Noelia Casanova (2017), todos eles estudantes de doutoramento deste centro singular da USC.

Nesta ocasión, o Comité Científico valorou tanto os proxectos presentados como o currículo dos participantes, tendo en conta a calidade e impacto dos seus traballos, o número de publicacións científicas e estancias noutros centros de investigación. A nova edición da entrega dos Premios Lilly de Investigación terá lugar durante unha cerimonia virtual que organizará este ano a Real Sociedade Española de Química, onde as premiadas realizarán unha breve exposición oral do seu traballo. Dende o CiQUS aplauden este recoñecemento e recompensa á excelente traxectoria académico-científica de ambas as dúas investigadoras, agardando que o premio sexa un estímulo máis para a súa carreira profesional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2021.