Ir o contido principal

O doutorando do CiQUS Marcos Vilela, Premio Lilly de Investigación para Alumnos de Doutoramento

Marcos Vilela no CiQUS
Marcos Vilela no CiQUS
Trátase do décimo galardón que recibe o CiQUS nestes premios

O doutorando do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC Marcos Vilela vén de gañar un dos XXII Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento que convocan a Real Sociedade Española de Química e Lilly en recoñecemento de traballos nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica.

A tese de Marcos Vilela, supervisada polo investigador principal do CiQUS Juan R. Granja e polo profesor Manuel Amorín, titúlase ‘Supramolecular systems based on cyclic peptides for the selective transport of antitumor drugs’ e céntrase en desenvolver nanotubos peptídicos sensibles a estímulos externos como a luz, así como a súa potencial aplicación para o transporte de fármacos antitumorais ata as células cancerosas.

Os nanotubos peptídicos son estruturas con forma de tubo formadas polo apilamento de péptidos cíclicos. "Por exemplo, conseguimos controlar a forma do tubo ou a súa formación e disgregación mediante a irradiación co apropiado tipo de luz. Doutra banda, estamos a desenvolver unha estratexia baseada nestes nanotubos para o transporte de fármacos antitumorais ata células cancerosas resistentes" explica Vilela, para quen este premio supón "un gran orgullo e recoñecemento a todo o esforzo realizado durante a tese doutoral, e representa unha gran motivación para o futuro".

Vilela gañou este recoñecemento xunto a Andrea Palone, da Universitat de Xirona (UdG) e Università degli Studi dei Roma “Tor Vergata”, e a Beatriz Arévalo, da Universidade Complutense de Madrid (UCM).

Dez premios para o CiQUS
Trátase do décimo galardón que recibe o CiQUS nos premios Lilly de Investigación. En anteriores edicións foron recoñecidos José Manuel González (2023), Soraya Learte (2021), Eva Rivera (2021), Noelia Casanova (2017), Andrés Seoane (2015), Mateo Sánchez (2014), Isaac Alonso (2013), Lorena Tizón (2012) e Olalla Vázquez (2010).

Convocados anualmente pola Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e Lilly España, os Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento recoñecen os incipientes logros de estudantes que están a cursar a súa tese doutoral nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica ou Analítica e que son membros da Real Sociedade Española de Química. Cada gañador recibe un apoio económico de 2.000 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2024.