Ir o contido principal

Dúas novas promocións dos graduados Sénior e Superior Sénior remataron os seus estudos do IV Ciclo

Foto de grupo das novas promocións do IV Ciclo
Foto de grupo das novas promocións do IV Ciclo

Oportunidade, período de aprendizaxe e descubrimento, inmersión no espazo universitario ou inesquecible ciclo foron algunhas das principais descricións que encheron este venres o discurso de María de los Ángeles Villapol, nova graduada do IV Ciclo, en alusión ao remate da súa etapa formativa neste programa formativo da USC para maiores de 50 anos. A súa intervención foi o altofalante das promocións 2008-2011 do Graduado Sénior e a de 2007-2012 do Superior Sénior no acto de fin curso do IV Ciclo Universitario, cunha mensaxe que trazou un percorrido emotivo polos últimos cinco anos da súa etapa universitaria ata concluír cun chamamento aos responsables universitarios para que “non se encarten, que loiten” nunha reivindicación que aspira a evitar a experiencia pasada dunha xeración “na que só estudaron os elixidos”. “Polos nosos fillos, polos nosos netos, por unha Galicia culta, por unha España intelixente” foi a apelación coa que Mª de los Angeles Villapol pechou a súa quenda. A graduación destas novas promocións celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, ao que acompañaban a concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago, Paula Prado, e a subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Patricia Toubes. Na quenda de intervencións, a seguinte en tomar a palabra foi a madriña da promoción, a profesora Mª Dolores Barral, a quen o vicerreitor Francisco Durán lle impuxo a insignia do IV Ciclo. A profesora Barral destacou a actitude dos estudantes deste programa formativo “un público sempre receptivo, co que é imposible o monólogo docente, e que esixe unha renovación constante”. Visiblemente emocionada, Mª Dolores Barral agradeceu a posibilidade de participar do programa do IV Ciclo, porque “déstesme máis do que nunca podería compensar”. As palabras do director do IV Ciclo Maximino Quintáns deron paso á entrega de diplomas ás 27 graduadas e nove graduados Sénior e a entrega de insignias aos do ciclo Superior Sénior. O IV Ciclo Universitario é un programa de formación dirixido a persoas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel académico previo, pero con características e demandas de formación reguladas, que cada vez en maior medida esixe a composición demográfica da poboación. Este ciclo formativo busca, dende o seu inicio en 1997, a integración conceptual do programa nos demais ciclos que se imparten dentro desta Universidade. Con programa académico tanto en Lugo como Compostela, este ciclo formativo estrutúrase en cinco cursos. Os tres primeiros de carácter xeral e con tres materias en cada un, e os dous últimos cursos de especialización no que o alumnado se matricula dunha única materia coa que completa a totalidade dos créditos. Representación teatral Na mesma xornada e con motivo da celebración do Ano Europeo do Envellecemento Activo e da Solidariedade Interxeracional, a Compañía de Teatro ARTE Maior, integrada por alumnado e ex alumnos do IV Ciclo, interpreta a partir das 17.00 horas no Salón de Actos do Colexio La Salle a obra Aforro Ordinario, de Inma Antonio. De entrada gratuíta, a obra preséntase como un enredo, cómico na forma e tráxico no fondo, que se desenvolve no interior dunha sucursal bancaria na que cada día de San Valentín se aparece, dende hai corenta anos, un morto que lembra o seu suicidio. A montaxe desenvólvese directamente a partir da primeira edición da obra, publicada por Edicións Embora no 2006. Arte Maior Teatro está formada por membros da Asociación de Alumnos e Ex-alumnos do IV Ciclo da USC, sendo esta a súa primeira montaxe e, para a maioría dos/as participantes, o primeiro contacto cun escenario teatral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2012.