Ir o contido principal

Dúas novas rotas de sendeirismo organizadas pola Área de Deportes da USC

A Área de Deportes da Universidade de Santiago organiza para o mes de febreiro dúas novas rotas de sendeirismo, unha que discorre dende o Cabo Vilán ata Camelle e a outra polo río Tambre dende Sigüeiro ata Senra.
A rota que parte de Cabo Vilán, que inclúe unha visita ao Cemiterio dos Ingleses, desenvolverase o sábado 10 de febreiro cunha lonxitude total de 18 quilómetros, desnivel baixo e unha dificultade media-baixa. Pola súa banda, o traxecto polo Tambre será o sábado, 24 de febreiro, cunha lonxitude de 16 quilómetros, un desnivel moi baixo e unha dificultade media.
Tanto a comunidade universitaria interesada como o público en xeral, deberán inscribirse nas oficinas da Área de Deportes (Piscina Universitaria) antes do mércores anterior ao día da rota elixida. As saídas realizaranse dende diante da Piscina Universitaria ás 9:00 horas e o regreso a Santiago será aproximadamente ás 18:30.
Aberta a inscrición en múltiples actividades deportivasPor outra banda, a Área de Deportes da USC mantén aberta a inscrición de múltiples actividades para o segundo cuadrimestre. Así, os interesados pódense inscribir en aeróbic, esgrima para adultos, ioga, atletismo, esgrima infantil, judo, bailes de salón, expresión corporal e da voz, karate infantil, batuka, karate, kung-fu, capoeira, G.A.P., mantemento danza do ventre, gym-dance, mellora da condición física, defensa persoal, iniciación á relaxación dinámica, natación, orientación, pilates, taekwon-do, Tai-Chi, tenis, xadrez e ximnasia terapéutica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2007.